Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2019 | Actualizada ás 20:00
A eurodeputada do BNG Ana Miranda denunciou en Bruxelas a "proliferación" das casas de apostas en Galicia "especialmente en barrios populares" e cun "gran impacto" entre os menores de 30 anos, polo que instou a que se implante unha regulación a nivel europeo.
"Xa non hai barrio galego sen casas de apostas, moitas en zonas afectadas pola crise económica, co que é necesario pór en marcha un maior control sobre as apostas porque supoñen un grave prexuízo para a mocidade", afirma Miranda.
O Bloque rexistrou unha iniciativa na Eurocámara na que piden á Comisión Europea que "recorde ao Estado español que cumpra a Recomendación da Comisión de 2014 para a protección dos consumidores e usuarios de servizos de xogos en liña e a prevención do xogo entre os menores".
Así mesmo, Ana Miranda pide unha regulación a nivel europeo que "protexa" aos consumidores, "en especial" aos menores de idade e outros colectivos "vulnerables".
A parlamentaria nacionalista tamén pon o foco na incidencia da publicidade televisiva relacionada con compañías de apostas, que utiliza "como reclamo" a persoeiros "con prestixio social". Ana Miranda bota en falta que, en contraposición, "non existan campañas de prevención dos efectos do xogo".
"Este elemento favorece o incremento de casos de adicción entre a xente nova, xa que percibe como persoas referenciales trasladan a imaxe de que estas actividades son algo positivo", asevera a deputada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.