O delegado do Goberno sinala ao aumento da accidentalidade ao exceso de confianza dos condutores

Losada destaca que o mes de abril foi o primeiro da serie histórica que rexistra cero vítimas mortais na estrada.

Por E.P. | A CORUÑA | 11/01/2019 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

Galicia pechou o ano 2018 con 104 vítimas mortais nas estradas da comunidade, o que supón un incremento respecto dos datos de 2017, cando foron 76 as persoas falecidas nas estradas galegas. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, atribuíu estes datos ao exceso de confianza e ao aumento das distraccións. Acompañado pola coordinadora da DXT en Galicia, Vitoria Gómez, e polo xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil, Francisco Javier Molano, o delegado do Goberno presentou o balance de accidentalidade nas estradas galegas durante o ano 2018, cuxos datos cualifica de "preocupantes".

Balance de sinistralidade viaria en Galicia 2018.. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
Balance de sinistralidade viaria en Galicia 2018.. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

A estatística apunta a que en 2018 producíronse nas estradas de Galicia 12.308 accidentes dos que 99 rexistraron 104*falecidos. Por provincias, A Coruña acumulou 45 vítimas mortais fronte ás 33 de 2017. Pontevedra pasou de 20 a 24. Lugo sumou 20 tras un 2017 con 16 persoas falecidas. Ourense pasou de 7 a 15 vítimas. Losada significou que ata a primeira metade do ano as cifras de sinistralidade mantiñan unha liña descendente: "de feito o mes de abril foi o primeiro da serie histórica onde rexistramos 0 vítimas mortais na estrada".

Esta tendencia que melloraba os datos do 2017 rompeu no mes de xullo e o verán pechou co dobre de mortos na estrada que o ano anterior. Seguidamente, setembro foi un mes significativamente malo para as vías galegas, con 15 falecidos fronte aos 4 ocorridos en setembro de 2017.

EXCESO DE CONFIANZA AO VOLANTE

Entre as causas, Losada advertiu dun cambio nas condutas ao volante, nas que agora se observa un exceso de confianza e un aumento das distraccións. "Os responsables de seguridade viaria alértannos dunha maior relaxación ao volante", asegurou. Para o delegado do Goberno, un dos datos que apunta a esta sensación de falsa seguridade ao volante é o uso do cinto e outros sistemas de retención: "o 20% das vítimas mortais en accidentes na estrada do ano pasado non usaban o cinto de seguridade no momento do sinistro".

Xunto ao factor humano, súmase o estado das vías e dos vehículos. En canto ás vías onde se rexistraron accidentes mortais en 2018, o 88,5% en producíronse vías convencionais. Unhas estradas onde proximamente se aplicará a rebaixa de velocidade máxima permitida de 100 a 90 km/h que aprobou recentemente o Goberno. En canto aos vehículos, o delegado apuntou que "en dous terzos dos accidentes de tráfico en 2018 estiveron implicados vehículos de máis de 10 anos".

MÁS VIXILANCIA

Ante os datos do último ano, o delegado avanzou que intensificarán a vixilancia nas estradas. Así, anunciou que se realizarán en Galicia 840.000 controis de alcol; 15.000, de consumo de drogas e 3,3 millóns de controis de velocidade. En canto ás campañas especiais, a previsión para o ano 2019 é realizar ao redor das 40 campañas, tanto as de tipo nacional como específicas para Galicia.

O ano pasado realizáronse 36 campañas especiais de control ao longo do ano, onde se vixiaron aspectos como a velocidade, consumo de alcol e drogas e estado do vehículo, ademais dunha campaña específica de control de distraccións que era a primeira vez que se abordaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta