Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 13:15
“Os BDS (Boicot, Desinvestimento e Sancións a Israel) internacionais pediron que Mastiyahu non actuase no festival Rototom, alguén que fai declaracións a favor do exército israelí e as súas accións” di Sela González Ataíde, do BDS-Galiza. “A organización do festival, por presións dos BDS internacionais ademais de varios artistas, cancelaran a actuación, pero pasados uns días a presión tanto do lobby como de grupos próximos ao sionismo, fixeron que volvesen chamar a Mastiyahu”. “Coa toma de declaración comeza todo o proceso xudicial e ata que non haxa unha sentenza en firme, non entrarían na cadea, de non ser que vexan risco de fuga” afirma González Ataíde.
As oito persoas do BDS-País Valenciá declararon como investigadas no xulgado de Instrucción en número 19 de València por supostos actos de ameazas, coaccións e incitar o odio. A querela foi presentada polo avogado Abel Isaac de Bedoya Piquer, presidente do Comité Legal contra o Antisemitismo e a Discriminación. Os delictos poderían supoñer mesmo catro anos de cadea.
“Desde Galicia estamos expectantes para saber que acontecerá” di González Ataíde. “A campaña dos BDS está cada vez máis extendida e cada vez hai máis declaracións públicas, como a do concello de València, onde se presentaron diversas mocións e se declarou cidade libre do apartheid”, di Ataíde.
O movemento BDS-Galiza “está collendo forza pouco a pouco coas diferentes campañas imos collendo apoios de artistas, concellos, activistas, movementos sociais e tamén partidos políticos” di González Ataíde. BDS-Galiza naceu en 2010 definíndose como “Un movemento global que se converteu no eixo reivindicativo da solidariedade con Palestina”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.