Os agricultores e gandeiros de Ferrolterra, fartos das "esmolas electoralistas" por ataques de xabarís e lobos

Crean a Asociación de prexudicados pola fauna salvaxe (Aperfasa) e cualifican as axudas de "esmolas electoralistas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Agricultores e gandeiros da comarca de Ferrolterra constituíron a Asociación de prexudicados pola fauna salvaxe (Aperfasa) e aseguraron que non están dispostos a sufrir máis perdas por ataques de xabarís e lobos "sen que ninguén lles tome en consideración".

Exemplar de xabaril novo na Illa de Cortegada
Exemplar de xabaril novo na Illa de Cortegada | Fonte: Saúl De la Peña Lastra, Revista micológica 'Errotari' nº 14.

O secretario xeral da asociación, Andrés Saavedra, considerou que "se a Administración quere conservar as actuais pragas" destas especies deben facer fronte "con algún tipo de imposto ou outra fórmula para poder pagar os danos polo valor real".

Saavedra pronunciouse deste xeito durante a presentación da asociación realizada este martes na sede da Cooperativa do Val, en Narón (A Coruña). Alí, explicou que, polo momento, a iniciativa conta con asociados nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal pero que o obxectivo é poder estenderse por toda Galicia.

"Cando falamos de pagar os danos, non nos referimos ás esmolas electoralistas que nos acaban de prometer, dun máximo de 1.650 euros por agricultor ou gandeiro", manifestou Saavedra, que considera que esta cantidade está "moi por baixo" dos custos que lles supón ter que loitar contra estas especies.

"Calquera profesional do campo estaría disposto a pagarlle á administración eses 1.650 euros que nos prometeron se nos garante que non imos ter danos", asegurou.

PROBLEMA DE SEGURIDADE VIARIA E DE INTEGRIDADE

Este veciño do municipio de Ortigueira (A Coruña) incidiu en que os agricultores e gandeiros están "fartos" dos danos que sofren por parte dos xabarís nas súas colleitas e cualificou de "praga" a súa presenza maioritaria no rural.

Así, asegurou que, a pesar de que non existe un censo por parte da Administración, a estimación é que existe unha colonia superior aos 400.000 xabarís". "Este descontrol xa está a causar un problema de seguridade viaria e incluso de integridade para os propios habitantes do campo", advertiu.

Deste xeito, incidiu en que "en 2018 se produciron máis de 500 accidentes de tráfico causados por xabarís" e recordou que "calquera condutor" que circule por unha vía pública "pódese converter nun prexudicado".

Ante este "panorama", Aperfasa criticou á Xunta por "non tomar cartas no asunto" e censurou que mesmo se continúe "rebaixando as peticións dos tecores de caza para facilitar as batidas".

DENUNCIA TELEFÓNICA AO 012

Para rematar, Saavedra asegurou que "Aperfasa non descarta tomar ningún tipo de medidas, chegando incluso se é necesario chegar á vía xudicial" xa que, como indicou, é necesario "reducir as colonias".

Por iso, pediu que, "antes de que comece a época de parto dos animais extensivos de montaña e antes de sementar o millo", existan "propostas e solucións que funcionen". Pola contra, segundo indicou, tomarán "medidas serias".

Ademais, instou a todos os afectados a que denuncien sempre, mediante unha chamada telefónica ao 012 todos os danos sufridos, "por pequenos que sexan, para que teñan constancia da situación que estamos a padecer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta