A Xunta presume de axudar a plantar coníferas e frondosas en Galicia

Destinará 7 millóns de euros para plantación de case 4.000 hectáreas de piñeiros, carballos, castaños ou nogueiras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

A Xunta destinará un total de sete millóns de euros na convocatoria de 2019 ás axudas para a creación de superficies forestais, con fondos que se espera que cheguen aos 200 beneficiarios e que permitan plantar frondosas e coníferas, talles como piñeiros, carballos, castaños ou nogueiras, nunha superficie de 4.000 hectáreas.

Castiñeiros
Castiñeiros | Fonte: UVigo.

A medida, anunciada polo presidente da Xunta de Galicia ao termo do Consello celebrado este xoves, permitirá "contribuír á defensa contra os lumes", segundo destacou Alberto Núñez Feijóo.

Desta forma, o Consello deu luz verde á convocatoria destas axudas, que nos últimos tres exercicios ampararon a subvención para a plantación de coníferas e frondosas en preto de 8.000 hectáreas de terreo. En total, neste período, as distintas convocatorias dotáronse con ata 19,2 millóns de euros e os beneficiarios que recibiron axuda para esta finalidade foron 392.

A orde deste ano, que sairá publicada en próximas datas no Diario Oficial de Galicia, conta cun orzamento de 7 millóns de euros para dúas anualidades, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

No que respecta ás actuacións subvencionables, inclúense os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra os incendios forestais, é dicir, o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta, así como os gastos de plantación propiamente dita.

Ademais, tamén son susceptibles de subvención as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias. Os beneficiarios destas axudas son as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual e as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, tamén poderán optar as cooperativas agrarias, os proindivisos, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común, entre outros.

COORDINACIÓN DAS RESERVAS DA BIOSFERA DE GALICIA

Por outra banda, o Consello da Xunta na súa reunión deste xoves aprobou o decreto polo que se crea o Comité de Coordinación da Rede de reservas da biosfera de Galicia. Trátase dun órgano colexiado ao que lle corresponde o asesoramento e a coordinación para a xestión da Rede, creada o 21 de setembro.

O obxectivo é "harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural das diferentes reservas da biosfera" que existen en Galicia, co "fin de polas en valor como elementos que contribúen ao desenvolvemento sostible e á mellora do benestar da poboación", segundo destaca a Xunta.

Na actualidade, Galicia conta con seis reservas da biosfera, que suman en total 77.834 hectáreas. Dous delas, a do Xerés-Geres e a do río Eo, Oscos e Terras do Burón, son cogestionadas pola Xunta de Galicia con Portugal e co Principado de Asturias, respectivamente.

As outras catro reservas son a de Terras do Miño (Lugo), a primeira declarada en Galicia e a sexta máis grande en extensión de España; a do Área de Allariz (Ourense), formada por unha depresión morfotéctónica pola que discorre o río Limia; a dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (Lugo) e a das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña).

Na actualidade, trabállase na elaboración da candidatura para a declaración da sétima reserva, a da Ribeira Sacra.

O Comité terá como funciones a emisión de informes e a realización de propostas, así como o fomento do traballo en rede, propondo proxectos que se poidan levar a cabo nas distintas reservas, e a elaboración de plans de investigación, coñecemento ou sensibilización.

Co obxectivo de reforzar os vínculos entre as distintas reservas de biosfera galegas, este organismo tamén fomentará a realización de proxectos comúns e axudará á elaboración de proxectos europeos estatais ou rexionais de financiamento específicos. Tamén poderá emitir informe, con carácter previo, sobre as propostas de designación das novas reservas da biosfera.

As reservas da biosfera son territorios expostos para harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza.

ORDE DE AXUDAS

As Reservas comprenden unha zona protexida, a denominada zona núcleo, e unha área que non conta cun réxime de protección adicional e na que se pode levar a cabo un desenvolvemento económico.

Por este motivo, a Consellería de Medio Ambiente convocará a orde pola que se establecerá unha liña de axudas para estudos e investimentos vinculados ao mantemento, recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, de paisaxes rurais e das zonas con alto valor natural, incluídos os seus aspectos socioeconómicos, así como iniciativas de sensibilización económica. A estas actuacións, que serán cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) destinaranse 600.000 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta