A Xunta procura afianzar a cooperación con Cuba

Nunha visita institucional, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quixo informarse sobre as prioridades actuais do país e poñer en valor algúns proxectos nos que colaborara Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, finalizou este xoves unha visita institucional a Cuba na que, ademais de coñecer proxectos financiados pola cooperación galega nos últimos anos, mantivo distintas reunións do Goberno cubano.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, nunha visita a Cuba. XUNTA DE GALICIA
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, nunha visita a Cuba. XUNTA DE GALICIA

No marco desta viaxe, Gamallo reuniuse con responsables do Ministerio de Educación e do Ministerio de Comercio Exterior e Investimento Estranxeiro (MINCEX), co obxectivo de informarse sobre as prioridades actuais para o país no ámbito da cooperación internacional, en especial no sector da educación.

Nas reunións anteriores quedara patente o interese do Goberno cubano en traballar xunto con Unicef no ámbito da saúde, ademais de continuar o traballo con adolescentes na Habana Vella en colaboración coa Oficina do Historiador da cidade.

A maiores, Jesús Gamallo e o representante do Ministerio de Comercio Exterior e Investimento Estranxeiro valoraron tamén a oportunidade de iniciar en Cuba unha intervención no ámbito da pesca artesanal.

Ademais, no ámbito da cooperación cultural, visitaron a sede da Compañía de Danza de Litz Afonso, unha recoñecida mestra de danza e pedagoga cubana que en 1991 fundou a súa propia compañía, na que participan uns 1.200 nenos e adolescentes cubanos. Desde 2011, Litz Afonso é embaixadora de Boa Vontade de Unicef.

MÁIS VISITAS

A delegación da Xunta tamén acudiu  a un centro de atención de adolescentes na Habana Vella, xunto con representantes de Unicef e da directora de Cooperación e Relacións Internacionais da Oficina do Historiador da Habana, Nelys García. Neste espazo impártense talleres de creación e actividades culturais e proporciónanse servizos de documentación e asesoramento.

Con este centro xa colaborara anteriormente a Xunta de Galicia no marco do plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta