O BNG pecha a porta a Anova para as europeas: "Non estamos para solucionar as leas de En Marea"

Pontón pide "seriedade" despois de que Beiras propuxese a inclusión de Anova na candidatura de BNG, Bildu e ERC para as eleccións europeas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A líder do BNG, Ana Pontón, pechou a porta á incorporación de Anova na candidatura para as eleccións europeas na que participa o Bloque xunto con EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e que será presentada este venres nun acto en Santiago de Compostela.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: Europa Press

"En política temos que ser serios. Para valorar propostas esas propostas teñen que existir e ser serias. Non podemos valorar propostas que non existen", subliñou Pontón a preguntas dos xornalistas este xoves, un día despois de que Anova, a través do seu cofundador e referente Xosé Manuel Beiras, se ofrecese para concorrer ás europeas baixo a candidatura das forzas soberanistas de Euskadi, Cataluña e Galicia.

No entanto, Pontón rexeita esa posibilidade e nega que exista unha proposta real por parte de Anova, organización nacida tras a ruptura do Bloque na Asemblea Nacional de Amio (Santiago) de 2012. "Non vou entrar en especulacións, leas ou barullos. En política é moi importante que sexamos serios", apostilou.

Ademais, a portavoz nacional do Bloque instou "aos grupos que conforman En Marea que non intenten trasladar os seus problemas e as súas leas ao BNG". "Non estamos para solucionar as leas de En Marea. Estamos para traballar polos problemas do país, para traballar con seriedade e rigor para os galegos", engadiu.

"Se En Marea ten un problema, eu non me vou meter. Sempre dixen que solucionen canto antes os seus problemas porque non creo que fagan ben a ninguén. Pero os problemas de En Marea que non nolos intenten trasladar a ninguén. Pido respecto", aseverou.

Así as cousas, Pontón dá por pechada a candidatura para as europeas, que representa unha "gran" oportunidade para "garantir" a presenza de Galicia en Europa e dar continuidade ao traballo desempeñado pola actual eurodeputada Ana Miranda. "En política hai que ser serios. Hai a quen lle gusta a lea, o espectáculo e facer frivolidades cando falamos de cousas serias", resolveu a líder frontista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 lóstrego

Os que votamos a en marea crendo nos biosbardos españolistas (unidade popular) xa pasamos de anova, e voltaremos votar ao bng. Falo por min pero creo que é así.

3 Amalia H P

A ver, En Marea vai en camiño, pero o récord de leas e espectáculos bochornosos aínda o ten a UP... digoo o BNG

2 eusi

Coma sempre...en babia! Qe desgraza de PPaís

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Que ocurrencia a do Beiras! Ese home ten moitas fantasías; o malo é que despois nunca é quen de levalas á práctica e, por riba, deixa a moita xente colgada. Alá quen lle faga caso!