Multiculturalismo e colonización

Neste mundo tan moderno, global e cosmopolita, a colonización cultural e lingüística está á orde do día. Naturalmente presupón unha indisimulada opresión e discriminación económica.

Por Francisco Rodríguez | Ferrol | 06/09/2011

Comparte esta noticia

A aparente caída de fronteiras, no caso de espazos rexionais globais, como a UE, ou a masiva emigración, desde a periferia, aos centros do capitalismo, crea a ilusión dun multiculturalismo real, inevitábel e positivo. É só unha ilusión idealista. A pouco que se para un a comprobar cal é a tendencia dominante e esmagadora, no plano cultural e lingüístico, acha que a hexemonía práctica, a sistemática, é a do inglés, a do mundo anglosaxón, debidamente aparellada ás internamente hexemónicas en cada Estado. Digamos que o esquema global preme a unha asimilación sen igualdade, calquera sexa o aspecto que consideremos, na que a máis grave discriminación a sofren as linguas e culturas que non teñen aparellos estatais de seu.

A colonización está presente de forma asoballante. A marca do colonizado non desaparece, medra en número e en diversidade, por moito que bendiza a colonización e se someta, gustoso, aos seus rigores e esixencias. Non me refiro a unha sinal ou marca racial, que tamén, senón de xeito moi xeral a unha marca cultural e lingüística, de orixe, a primeira que debe ser eliminada ou simplemente agachada se se aspira a ter a oportunidade de acceder a traballos, posición, status, integración social. Paradoxalmente, o colonizado que renuncie a manter a súa identidade orixinaria, por pragmatismo realista ou por sublimación máxica, nunca acabará por sentirse normal. Sempre haberá algo que lle dificulte unha integración plena, como se a súa ubicación fose sempre conflitiva, condicionada a continuas probas e exercicios de fiabilidade, fidelidade e homologación. Velaí por que algúns colonizados acaban por ser especialmente agresivos á hora de defenderen, xustificaren ou aplicaren a asimilación á lingua e cultura dominantes, nas que eles ingresaron con renuncias, fronte a outros que se resisten practicando as súas orixinarias…Semellante comportamento é xeral a todos os contextos nos que a desigualdade, a discriminación e a marxinación, secuelas da opresión política e económica, marcan unha identidade cultural e lingüística propia.

Na primavera deste ano 2011, un escritor en inglés, Richard Rodríguez, de orixe mexicana, moi valorado pola crítica nos USA, declaraba a El País: “No creo en la diversidad cuando te cierra las puertas”. En consecuencia, manifestábase en contra de que “los hispanos hablen español en USA”. Para Rodríguez, “la lengua es poder y el poder es una oportunidad más grande”. Podemos comprender a súa aposta polos inmigrantes usaren o inglés en USA, pois lingua do poder é, como forma de favorecer a integración, como acceso a oportunidades, nunha sociedade que non é a súa. O problema está en que a súa argumentación pode valer tamén para aconsellar ou promover a renuncia ao uso da propia lingua na sociedade orixinaria, cando esta non é a do poder, e lonxe de abrir portas, as cerra. Por exemplo, as linguas indíxenas en México. Ou o caso do noso idioma, o galego. Aquí chegamos ao extremo de interiorizarmos, moitas veces, unha desvalorización, renuncia ou anulación que vai máis aló do que a cautela e a necesidade esixen para non nos cerraren portas. A realidade obxectiva é discriminatoria, desigual; o poder é hostil. Subxectivamente, moitos cavan máis fondo esta hostilidade nas súas propias conciencias…

Mais atendamos, nesta ocasión, a outro aspecto da cuestión. A argumentación do escritor, de orixe mexicana, asentado en USA ten un punto delicado, máis que discutíbel. Non falarei da lexitimidade de manterse identificado e fiel coa comunidade de orixe, tamén en terra estraña. Irei máis lonxe: a asimilación, acelerada e inflexíbel, ao inglés abre tantas portas, por si mesma, como para acceder a todas as oportunidades? É por si mesma esta lingua tan poderosa, exclusiva e elitista para o seu uso en exclusiva librar da desigualdade, a marxinación, a discriminación e as portas cerradas, nos USA? Non o cremos. Posibelmente é unha condición necesaria, pero non abonda. Acaso a asimilación mimética, apresurada, amnésica de tantos galegos e galegas ao castelán – ideolóxica, política e culturalmente, español- ten mudado o seu status social e económico? Na maior parte dos casos foi só unha ilusión, unha servidume, unha mímese a distancia da integración no poder, unha admiración paifoca e servil á lingua que o representa…

Aínda máis, non é o de Richard Rodríguez o caso do galego culto, que defende a inutilidade do noso idioma e unha necesaria e rápida asimilación, mentres gaba, ao mellor, o multiculturalismo que, segundo el, caracteriza a sociedade moderna… Só con pasar a fronteira, Rodríguez segue a ter a República de México, co seu castelán como lingua oficial, socialmente hexemónica. Unha lingua do poder fronte e contra as dos pobos indíxenas. Nós só temos a sociedade galega, distinta a outras do Estado, cunha lingua sen poder, á que se lle cerran aínda a maioría das portas, por máis que se lle abran algunhas. No fondo, a súa defensa e o seu uso na súa sociedade significa abrir unha extraordinaria oportunidade para Galiza: a conciencia das súas potencialidades e da capacidade para desenvolvelas. Velaquí a porta maior que necesitamos abrir.

Un escritor galego, consciente da súa orixe, non podería declarar aquí coa contundencia do mexicano a favor do castelán. Se a nosa lingua cerra portas no propio país, é porque, en parte, vivimos como estranxeiros nel. Non nos consideramos suxeitos de dereitos colectivos nin nos vemos como pobo con capacidade…Resulta imposíbel que quen nos cerra a porta da identificación con nós mesmos, poida abrirnos portas salvadoras. Somos vítimas dun espellismo que cómpre desfacer.

O mexicano, con todo, recoñece na súa melancolía, esa tristeza especial mexicana, unha característica nacional, concluíndo: “En el fondo, me siento mexicamo”. Vaia! Nin as oportunidades nin o recoñecemento en USA fixeron desaparecer a súa identificación emocional coas orixes. No noso caso, a colonización non é unha ruleta de posibilidades para a maioría; éo de renuncias, con graves secuelas, tantas que, ás veces, levan mesmo a unha emotividade negativa, a destrución da compensación sentimental…Tanta debe ser a desvalorización do propio. Hai que eliminar todo o que ula a galego, todo o que identifique co país. Na mesma condición de sermos naturais desta nación está o pecado orixinal. Ser galego, actuar como tal, resulta unha esaxeración, un exceso. Non se pode ser demasiado (?) en nada; traducido quer dicir: hai que ser español en todo. Ao mesmo tempo gábase a diversidade como un slogan universal. Mais a nosa diferenza non val. Moitos queren facernos vivir nunha perpetua autonegación para intentar sermos simpáticos ao poder que, miren por onde, pasa olimpicamente de nós. A nosa vocación debe ser universal, parecen dicirnos: sempre a procura de portas abertas onde sexa. Mentres cérrannos a porta da nosa propia casa…

A nosa melancolía non será produtiva até se converter en expresión de tristeza perante tanta caricatura e autodesprezo, e de vontade de abrir para nós mesmos a porta da nosa propia casa…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA