Vén de resucitar unha imaxe que tiña sepultada no meu cerebro. Lembrei a foto do brazo incorrupto de Santa Teresa en percorrido, durante a España franquista, polo territorio do Imperio. Esta evocación visual, que me remite a algún xornal de entón, resultoume irónica e ao mesmo tempo unha miga repulsiva. Lévame, inevitabelmente, a imaxinar o membro como parte dun corpo esnaquizado, o da santa, para admiración de devotos e redención dos pecadores que o ollaren. Teño entendido que agora está fóra de circulación por non ser eficaz nesta modernidade democrática do capitalismo ultra XXI. Segundo parece, hai fetiches máis eficaces que o de recorrer a unha idolatría relixiosa macabra como é pasear articulacións inmorredoiras de santos, cal reliquias obxecto de culto, de admiración.