Non debe existir ningún caso de peregrinaxe, sexa de intención relixiosa ou turístico-cultural, que contribúa tanto a anular o país receptor como a celebración xacobea. Non temos dúbida, porén, de que, con outra orientación no poder político gobernante, sería unha oportunidade especial para proxectar cara a nós mesmos e aos de fóra unha realidade histórica, patrimonial, cultural e socio-política a mantenta agachada. Mais a oportunidade profiláctica devén narcótico, hipnotización e anulación do noso ser colectivo, Galiza. Unha pada máis, e non menor, que o enterrador oficial bota na cova fonda da nosa desmemoria e da nosa negación histórica. Cando dentro, na Galiza, o contributo da Xunta, da Igrexa católica e de todas as institucións é tan entusiasta para evaporizarnos, non cabe esperar fóra, onde orixinariamente se xestou o proceso anulador, máis que colaboración natural.