É unha aproximación sintética á sociedade galega actual nunha cidade como Compostela, observada a través de tres comidas dun día ordinario. Os comensais son parellas de distinto tipo, de todas as idades, de diferentes comportamentos sexuais e formas de relacionarse: matrimonios novos e vellos, parella de mozos homosexuais, casado maduro con querida nova, home sempre á espera do ligue que non chega, parella de bébedos…Son elas as que vertebran a historia, o cerne narrativo, os seus aspectos nucleares e, en certa maneira, os contrastes. Por outra banda, están os que, vinculados a algunha destas comidas, deambulan literalmente ou están á espera, á procura de seren eles protagonistas. Seguimos a unha das irmás dunha casa rural de comidas que quer ser cantante nunha orquestra, presentándose a unha oferta de traballo que ofrecen na súa un pai xa decadente e o seu inseguro fillo. Neste momento aparece a traxedia da morte, quen non podía estar ausente do vivir cotiá, na vertente sentimental das relacións, e o seu impacto na vida familiar tradicional, na desolación do fillo perante o seu pai morto de súpeto, invocando, entre saloucos, o nome da súa nai. Comprobamos como unha camareira espelida pasa de servir un almorzo a un cliente no seu traballo matinal, a unha comida conflitiva, especie de catarse entre irmáns, onde ía de simple convidada, volvendo a aparecer nunha troula nocturna colectiva con amigos e coñecidos. E, finalmente, temos a confluencia de dous marxinais. Un é o trobador de rúa, con guitarra ao lombo, a vivir da xenerosidade do próximo, convidado a unha comida por unha antiga amiga agora casada e cun fillo pequeno, no seu propio lar. Infeliz no matrimonio ela, intenta recuperar unha relación que a libere da súa frustración, confesándolle o seu agachado e revivido amor adolescente a quen é xa home escéptico e derrotado. El forma parte dos errantes do mundo como o macedonio que, desenganado tamén amorosamente, foise do seu país e subsiste a base de pequenos roubos. Ambos atoparanse na rúa, formando unha especie de romántica, ideal, parella artística, fundamentada na confraternidade e na unión dos derrotados, seladas por ese brinde simbólico por Galiza e Macedonia. Este é outro dos elementos artelladores da narración e da intención do filme, que nos sitúa na vía pública, en espazos de Compostela, fóra das convencións e da normalidade establecida. Ao meu modo de ver, o aspecto máis feble do filme desde un punto de vista social e tamén ideolóxico, o menos críbel, como explicaremos.
A impresión final é a dunha sociedade insatisfeita, algo perdida, na procura de solucións individuais, desexosa de fuxir ou cambiar, en parte, pero tamén resignada e mesmo afogada polo alcol como saída. En conxunto é un fresco social representativo dunha certa forma ou maneira de vida urbana. En principio, provoca certa perplexidade o uso das linguas, pois cine plurilingüe é, conforme ao retrato realista que pretende. Non deixa de ser triste, polo menos para algúns espectadores galegos, ver como ás personaxes que empregan o noso idioma lles colocan lendaxes en español, como aos que usan o inglés ou o macedonio. Non así aos que empregan o castelán, convertido deste xeito obxectivamente, para espectadores galegos na Galiza, na norma, no neutro, no común. Non sei se non sería conveniente cavilar mellor esta solución para un cinema galego a exhibir na Galiza. Certamente é atinada a forma en que se mostra o comportamento diglósico da nosa sociedade a través de personaxes que falan galego ou castelán, segundo os ambientes, os interlocutores e mesmo os temas. Podemos acreditar no unilingüismo coloquial doutros. Agora ben, resulta unha miga irreal, pensar que unha muller que procura traballo nunha orquestra se vai postular para ser contratada facendo a proba da súa calidade cantando exclusivamente en galego…Postos a facer realismo lingüístico, que nada ten que ver con liberdade de uso de linguas, non se pode caer nesta inxenuidade. En contraste, outras personaxes, que se mostran unilingües en castelán, si poderían facer un uso, polo menos diglósico, do galego, sen traizoar a verdade, a credibilidade, comezando polo trobador errante…O resultado final, canto ao peso e a función dos distintos idiomas, non sería o mesmo.
Curiosamente, algunhas personaxes, as máis novas, conflúen nunha festa colectiva de cumpreanos, na notiña. Aquí, entre gaitas, troula, bebida, churrasco, o dominante parece ser o galego. Seguramente reflicte un modelo de comportamento colectivo que procura na comida e no alcol unha forma de evasión e de relación social. A mellor vista e a máis promovida. A comida, o churrasco, acada aquí un valor de símbolo social. Il será que é a representación xenuína dunha forma de recoñecemento posíbel, permitida e mesmo impulsada, como pobo?. Sen dúbida, consciente ou inconscientemente, este pouso está na concepción do filme polo seu director e polos guionistas…Expresivo o enfermeiro que debe abandonar a festa para acudir a unha urxencia que nos situará perante a morte…Vida, amor, frustración, procura da felicidade, derrota, morte, comida…Parellas, formas de relación amorosa, falas e silencios, desexos e impotencias, fuxidas esporádicas ou emigración…Unha dialéctica de individuos nunha sociedade que só acada nome no paralelismo Galiza/Macedonia, en boca de dous outside, en forma de brinde. Son moitos síntomas, non sei se todos positivos, se algúns non evidencian as limitacións culturais (refírome de verdadeiro coñecemento de toda a tradición cultural nacional galega) e ideolóxicas (aparente repudio das análises ideolóxicas sobre Galiza, sendo inevitabelmente refén de ideoloxía tamén) que, neste caso, estarían lastrando o filme, precisamente pola súa renuncia a pensar a realidade en todas as súas dimensións, incluída tamén a política. Non tanto para facer un filme de intención ou compromiso, non se trata diso, senón para afondar máis nos comportamentos dos individuos dunha sociedade definida e concreta, sen caer nas inxenuidades que o filme amosa. Unha delas, de base ideolóxica, é presentar como alternativa, cando menos estética e moral, a figura do trobador bohemio, absurdamente idealizado no seu escepticismo e na súa opción errante. Lembra as alternativas do romantismo decimonónico fronte á dureza destrutiva do capitalismo. Só con autoengano estético e ideal podemos pensar que un personaxe así non vaia camiño do deterioro físico, psíquico e actitudinal, isto é, á destrución como vítima da marxinalidade…Non falemos xa desa amizade idílica entre dous bohemios desterrados deambulando por cidades turísticas…
Velaí o motivo polo que os actores e actrices que encarnan as distintas personaxes son todos convincentes e demostran unha grande capacidade para actuar cunha adecuación natural aos tipos e individuos que representan, menos Luís Tosar encargado de dar vida e credibilidade a un tan artificioso e imaxinario, que resulta tan anodino como inexpresivo, á marxe da presenza do actor e as súas dotes. En contraste, por pormos un exemplo, a parella de mozos bébedos, pese ao exceso, son críbeis e fan que a súa encarnación polos actores sexa viábel e convincente (Por certo, algo que ver estar bébedo e ser unilingüe galego?). En todo caso, todos eles están observados en primeiros planos, na súa expresión íntima durante a interrelación con outro ou outra, cunha amorosa e interesada sensibilidade focalizadora, un dos mellores acertos do director, precisamente nos interiores…
Non queixen desaproveitar a oportunidade de dar a miña opinión sobre este filme galego, que me entretivo e interesou, que está, malia as inxenuidades, tan vinculado á nación. Necesitamos tanto un cine galego!!! Hai capacidade, hai madeira en todos os campos. A nosa realidade e a nosa tradición cultural, a comezar pola literaria, son unha boa fonte de inspiración. Un pensamento máis forte, máis agudo, sobre a nosa sociedade non vai ser impedimento para a calidade nin o entretemento. Pode ser vía de descubrimento de moitas verdades agachadas. Jorge Coira ten demostrado capacidade artística para aproximarse á nosa realidade. Que os prexuízos ou os tabús non lle impidan percorrer camiños necesarios, tratar situacións, temas e problemas que a nosa tradición artística axuda a mellor comprender e enfrontar tamén no plano estético.