Educación di que a OPE baixará a taxa de interinidade ao 7%

Esperan convocar un concurso de traslados nas vindeiras semanas e, máis adiante, tres protocolos de actuación para alumnos con dislexia, altas capacidades e discapacidade auditiva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, afirmou que a oferta pública de emprego (OPE) que o seu departamento vai convocar no primeiro trimestre deste ano permitirá baixar a taxa de interinidade docente ao sete por cento.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, no pleno do Parlamento. XUNTA
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, no pleno do Parlamento. XUNTA

Nunha entrevista na TVG este mércores, a conselleira explicou que se ofertará un amplo número de vacantes no concurso de traslados previsto para este ano, que contribuirá a dar maior estabilidade ao corpo docente en Galicia.

O número de prazas desta oferta de emprego ascenderá a 2.064 --das cales 1.788 serán de acceso libre e 276 de promoción interna--, con 35 especialidades diferentes.

Así mesmo, Carmen Pomar referiuse a a situación do sistema educativo galego para valorar que hai equipos docentes "moi comprometidos e con proxectos educativos pioneiros que son referencia para outras comunidades".

Neste sentido, apunta que se traballa nunha maior integración a través de tres protocolos que "verán a luz en próximos meses" para a atención de alumnos con dislexia, altas capacidades e discapacidades auditivas.

Xunto a isto, a conselleira comprometeuse a dar un impulso á investigación universitaria, á vez que se adaptará o mapa de titulacións universitarias ás "demandas da sociedade", posto que "non son as mesmas que fai 10 ou 20 anos".

MODELO LINGÜÍSTICO

Noutra orde de cousas, preguntada acerca da opinión de Cidadáns e VOX sobre unha suposta imposición do galego no ensino, Carmen Pomar respondeu que en Galicia existe "un modelo de coexistencia de linguas harmónico".

"Non necesitamos leccións de ninguén", sentenciou a conselleira de Educación, que asevera que o modelo de coexistencia de linguas na Comunidade é "pacífico" e un "espello para outras comunidades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta