Denuncian o "escurantismo" da Xunta na crise da couza guatemalteca

O Sindicato Labrego Galego presenta unha petición formal á Consellería de Medio Rural para que convoque reunións de cara a dar conta da xestión da praga da Tecia solanivora no menor prazo posible.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/01/2019 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

O vicerresponsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego (SLG), Henrique Outes, vén de rexistrar un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, no que se denuncia o "escurantismo" da Consellería á hora de tratar a crise da couza guatemalteca.

As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan
As larvas da couza guatemalteca escarvan profundas galerías nas patacas favorecendo que apodrezan | Fonte: lapatata.es

"As familias que cultivan pataca nas zonas afectadas só están accedendo á información sobre a xestión desta praga a través dos medios de comunicación que, en ocasións, publican datos contraditorios que non fan máis que xerar unha maior confusión, realizando un labor informativo necesario pero que debería corresponder, en primeiro termo, á propia Xunta de Galicia", argúe o sindicato.

O SLG afirma que o sector produtor das zonas en corentena está recibindo con optimismo as novas de que os controis da couza guatemalteca están a funcionar de cara a erradicar a praga, inferindo que, polo tanto, axiña poderán volver cultivar patacas con normalidade.

Porén, fontes da propia Consellería de Medio Rural consultadas polo SLG afirmaron que é moi improbable que se erradique a praga e que o criterio para levantar as prohibicións é o de deixar pasar dous anos sen cultivar dende a captura do último exemplar de Tecia solanivora.

Tendo en conta que en 2018 se seguiron atrapando exemplares de couza guatemalteca en todas as zonas afectadas, a prohibición de plantar semella que vai para longo. Pero o sector produtor asegura que non ten ningunha declaración nin dato oficial de Medio Rural ao respecto.

"O problema é que a desinformación no sector está a ser total. A única interlocución entre os produtores e produtoras afectadas e a Consellería de Medio Rural é unha circular de uso interno para as oficinas agrarias comarcais, cando toda a información existente sobre esta crise debería ser de acceso público e, en especial, para as explotacións agrícolas en corentena", demandan desde o sindicato.

Por iso, dende o SLG, demandan da Consellería de Medio Rural a convocatoria urxente de xuntanzas de carácter informativo en todas as comarcas afectadas pola corentena da Tecia solanivora e a publicación de informes nos que se faciliten todos os datos existentes en cuestións como as medidas adoptadas, os avances na loita por erradicar a couza guatemalteca, a estimación dos prazos nos que se manterá a praga en cada comarca, etc.

Ademais, insisten na necesidade de que na comisión de seguimento desta crise haxa representación do sector produtor, principal damnificado dos danos e prohibicións e principal interesado en coñecer os progresos, datos e decisións na loita contra esta praga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta