Navantia anuncia un novo contrato de eólica mariña para Fene

O novo director dos estaleiros evita desvelar a empresa contratista. Filtrouse que serán cinco unidades semisumerxibles.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2019 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O novo director dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, Jorge Filgueira, asegurou que "nun par de semanas" haberá "noticias dun novo contrato" no ámbito do sector eólico mariño para poder ser desenvolvido nas instalacións do estaleiro de Fene (A Coruña).

Reunión de traballo da Unidade Mixta Navantia-UDC.
Reunión de traballo da Unidade Mixta Navantia-UDC. | Fonte: Europa Press

O responsable da empresa naval pública asegurou que este sector "é moi activo" e que "en todo momento" están "a tratar de situarse para conseguir un contrato novo", aínda que non desvelou nin o nome da compañía nin a cantidade e tipo de estruturas.

Segundo algunhas fontes, este contrato está vinculado coa construción de cinco unidades semisumerxibles eólicas mariñas, idénticas á que xa está a realizar a día de hoxe nas instalacións da antiga Astano en UTE (Unión Temporal de Empresas) coa asturiana Windar, e cuxa estrutura será colocada a uns 20 quilómetros da costa na localidade portuguesa de Viana do Castelo. A súa finalización está prevista para xuño deste ano 2019.

Estas unidades semisumerxibles teñen xeometría e aspecto similar ás empregadas no sector petrolífero, cunha planta triangular de 70 metros de lado, columnas de 12 metros de diámetro e 30 metros de altura nos vértices. O fuste do aeroxerador instálase nunha das súas tres columnas. Esta unidade destinarase ao proxecto 'WindFloat', do que é unha das súas promotoras a empresa portuguesa EDP.

DIQUE SECO

Con respecto ao proxecto para materializar a construción dun dique seco cuberto, Filgueira trasladou que "unido a todo o que ten que ver co proxecto de estaleiro 4.0, internamente, está a iniciativa do dique seco, pero é un tema que aínda está en desenvolvemnento e irá en paralelo con outros proxectos, como son as fragatas F-110".

Son asuntos, incidiu, que "aínda están en desenvolvemento e incluído en plans de investimentos", pero aos que "aínda lle queda bastante por desenvolver".

Con respecto ao contrato das novas fragatas F-110 para a Armada Española, Filgueira trasladou que "aínda se está na parte de planificación, discutindo co cliente, é un proxecto a moi longo prazo e que nos próximos anos está previsto empezar a construír, xa que aínda non se asinou a orde de execución nin o contrato".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta