Sindicatos piden que o novo concurso de ambulancias inclúa os "custos reais do servizo"

BNG, En Marea e PSdeG defenden que se estude o "rescate" do transporte sanitario en Galicia por parte da Xunta

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Os sindicatos do sector de ambulancias en Galicia, que teñen convocada unha folga a partir do 8 de febreiro, reclaman que o novo concurso do servizo de transporte sanitario do 061 inclúa os "custos reais" do mesmo na licitación.

En declaracións a Europa Press, fontes sindicais explicaron que os representantes dos traballadores foron citados este xoves a unha reunión co 061 para explicarlles o novo contrato para o servizo. Respecto diso, aseguraron que non prevén que este encontro cambie a convocatoria de mobilizacións.

Os sindicatos convocantes da folga (CIG, UXT e CC.OO.), cuxo inicio está previsto para o día 8, lembraron que se trata dun "conflito a tres" porque "se non se dota da cantidade necesaria para o convenio, as empresas vano a ter complicado". "Que se reflictan os custos reais do servizo na nova licitación, senón repetimos o problema os próximos catro anos", advertiron fontes sindicais.

Este xoves, así mesmo, está previsto que se fixen os servizos mínimos para a folga intermitente dos traballadores de ambulancias. "Veremos se os recorremos ou non", avisaron ao lembrar que na última folga foron "abusivos".

O calendario de mobilizacións arrincou o pasado 31 de xaneiro con concentracións diante dos hospitais de referencia das sete cidades galegas. Reivindican un "convenio digno" e un "servizo público de calidade" para o sector de ambulancias en Galicia. Pola súa banda, a folga será intermitente entre os días 8 e 11 de febreiro, do 18 a 24 do mesmo mes e do 4 ao 10 de marzo. Se non hai avances antes deste último período, a folga pasaría a ser indefinida.

O comité de folga lembra que se mobilizan ante o "bloqueo" das negociacións do cuarto convenio do transporte sanitario, que afecta en Galicia a máis de mil traballadores, porque "leva tres anos caducado".

OPOSICIÓN

Pola súa banda, este mércores debateuse en comisión parlamentaria unha proposición non de lei do BNG sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego respecto deste sector ante a convocatoria de folga. A oposición apostou por estudar o "rescate" do servizo por parte da Xunta.

Neste sentido, a parlamentaria Montse Prado, que defendeu a iniciativa, incidiu en que se trata dun "servizo público esencial" para reivindicar "medidas" con carácter "urxente" ante os problemas no mesmo, nun contexto de folga e despois de que as empresas advertisen de que non poderán abonar salarios a partir de marzo.

Así, demandou "mediación" á Xunta entre as empresas concesionarias e os traballadores porque "é unha concesión dun servizo público". A iso sumou a petición de que no novo concurso se completen "as necesidades de vehículos e persoal", xa que entende que as actuais dotacións "son insuficientes".

A nova licitación "ten que ser dimensionada de acorde ás necesidades de vehículos e persoal", aseguran dende o BNG. Ademais, o partido nacionalista esixe o "rescate progresivo" da concesión por parte da Xunta, polo que insta á Administración autonómica "a ir tomando medidas". "É momento de reverter as concesións e rescatar o servizo", sentenciou Montse Prado, que recoñeceu que é algo que non se pode facer "da noite para a mañá".

A deputada Eva Solla (En Marea) tamén defendeu "a necesidade da xestión directa do servizo" e reprochou á Xunta "o abandono dos traballadores". "Só cabe a prestación directa deste servizo. A Fundación (do 061) pode e debe dalo de maneira directa, que é a forma de acabar co problema", sostivo no debate en comisión parlamentaria.

A estes dous grupos sumouse o do PSdeG, xa que o deputado Julio Torrado criticou o "desentendemento da Xunta dos traballadores" e formulou que a Administración galega "condicione que existan liñas infranqueables, sobre todo para os traballadores" no concurso. Sobre o rescate progresivo do servizo, o socialista apostou por que se "estude a posibilidade de que se inicien as actuacións precisas".

Fronte a todo iso, o portavoz do PP no debate, Aurelio Núñez Centeno, asegurou que "o Goberno de Galicia non pode nin debe resolver conflitos entre empresas e traballadores". Ademais, na súa intervención rexeitou os "actos de violencia e sabotaxe" contra ambulancias do servizo público e reprochou á oposición que non fixese o mesmo.

Núñez Centeno expresou o rexeitamento do seu grupo, maioritario na comisión en materia de sanidade, á iniciativa do BNG apoiada por PSdeG e En Marea, e instou ás partes, empresas e traballadores, "a negociar e chegar a acordos".

Ademais, lembrou a previsión por parte da Xunta de licitar un novo concurso público do servizo de transporte sanitario terrestre para os próximos anos, no que será de aplicación a nova lei de contratos, e que incidirá "na relación calidade-prezo".

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: emergencias.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta