Adeus á Foliada de Melide pola falta de implicación do concello

A Asociación Cultural e Musical O Castelo, tras catorce anos organizando este evento de referencia para a cultura tradicional, renuncia a continuar. Láiase da falta de compromiso por parte do Concello de Melide e dá grazas a todos e todas os que participaron estes anos.

Por X.M. Fernández | Melide | 08/02/2019 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

Nun comunicado realizado este 7 de febreiro, a Asociación Cultural e Musical O Castelo informa que “renuncia de xeito definitivo e irrevocable á organización da Foliada de Melide, poñendo así punto e final a un percorrido que comezou hai catorce anos e a través do cal se foi construíndo un dos eventos de música e baile tradicional máis importantes de Galicia”.

Imaxe da Foliada 2017
Imaxe da Foliada 2017

Afirman que esta decisión é moi dorosa pero foi meditada e que a razón principal deste abandono é a falta de apoio institucional, sinalando directamente ao Concello de Melide. Din que a situación non lles colle de novo pois xa levan anos arrastrando ese atranco á hora de levar a cabo a organización da Foliada.

O punto de inflexión está nun encontro que celebraron concello e organización o pasado 12 de xaneiro. Nesa reunión a Asociación O Castelo trasladoulle ao Concello de Melide unha serie de demandas para dar solución a deficiencias e necesidades detectadas en anos anteriores que conviña solucionar para un mellor desenvolvemento dun evento da envergadura e dimensión que está collendo a Foliada.

Seica esas reivindicacións non tiñan que coller de sorpresa ao goberno local de Melide, pois son peticións que se repetiron durante anos atrás e nunca atendidadas. Demandas que dende a organización da Foliada de Melide consideran imprescindibles para que o evento siga medrando e poida desenvolverse da mellor maneira posible.

Transcorrido case un mes dende a devandita reunión, e a só tres da celebración do evento, non tiveron ningunha resposta por parte do Concello de Melide, un silencio que interpretan como unha falta total de compromiso coa cultura feita dende Melide e un evidente desinterese por colaborar na organización da Foliada.

Mostra de baile. Foto: Foliada de Melide
Mostra de baile. Foto: Foliada de Melide

Nestes catorce anos, a Foliada transcendeu o ámbito puramente cultural ata converterse mesmo nun sinal de identidade de Melide, nun evento do que o pobo melidao se sentía orgulloso e do que podía presumir, contribuíndo ademais a que o nome de Melide sonase con forza en toda Galicia e que a economía local tamén se vise favorecida coa visita de moita xente de fóra.

Remata o comunicado con desculpa e agradecemento. Desculpa cara a todas aquelas persoas, agrupacións e empresas que nas últimas semanas se puxeron en contacto con eles, interesados/as na organización da Foliada de 2019, e que estiveron agardando unha resposta; e agradecemento ao pobo de Melide pola xenerosidade amosada durante estes anos, a todas as entidades que colaboraron de maneira desinteresada para conseguir que a Foliada medrase edición tras edición e, de maneira especial, a todas as agrupacións de música tradicional e persoas que nestes últimos 14 anos fixeron grande a Foliada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta