Baixa a creación de sociedades en 2018

Foron 328 constitucións no último mes do ano, un 12,3% máis, pero 4.028 en todo o pasado ano, un 0,9% menos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2019 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

O número de novas sociedades mercantís creceu un 12,3% en decembro pasado en Galicia en comparación co mesmo mes do ano anterior, pero a creación de empresas baixou en todo 2018, ao situarse en total en 4.028, un 0,9% menos, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En decembro de 2018, en relación con igual período de 2017, as disolucións mantivéronse sen variación na comunidade galega, ao contabilizarse 201: 167 voluntarias, 13 por fusión e 21 doutro tipo. Deste xeito, Galicia rexistrou o último mes do exercicio pasado o terceiro maior incremento das constitucións de empresas por autonomías, despois de Cantabria (+22,9%) e Aragón (+13,3%).

Foros subscritos polas 328 novas empresas 8,65 millóns de euros, o mesmo capital que foi desembolsado. A maior parte optaron pola fórmula de sociedade limitada, 327, por case 8,57 millóns.

Unha soa sociedade mercantil desembolsou dividendos pasivos, por 45.000 euros, ampliaron capital 108 compañías por 38,46 millóns (101 delas sociedades limitadas) mentres que 26 reduciron capital, por unha contía duns 71,18 millóns de euros.

En todo o ano pasado, as sociedades mercantís creadas subscribiron e desembolsaron uns 271 millóns de euros. Foron 4.014 sociedades limitadas e 13 anónimas. Ampliaron capital 1.342 por 991,3 millóns e reducírono 267 por 939,34 millóns. As disolucións foron 1.438, un 0,7% máis que en 2017. O desembolso de dividendos deuse en 11 empresas, por 7,25 millóns en total.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, o número de novas sociedades mercantís creceu un 0,8% en 2018 respecto ao ano anterior, ata sumar 95.153 empresas, co que volveu retomar a senda alcista. En concreto, a constitución de sociedades retomou a senda do crecemento en 2018 tras anotarse un descenso anual do 6,6% en 2017 que puxo fin a unha serie de sete anos consecutivos de incrementos tras os avances logrados en 2016 (+6,8%), 2015 (+0,5%), 2014 (+0,8%), 2013 (+7,2%), 2012 (+2,8%), 2011 (+6%) e 2010 (+2,3%).

Para a constitución das 95.153 empresas creadas en 2018 subscribíronse máis de 5.200 millóns de euros, o que supón un descenso do 1,2% respecto de 2017, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 54.656 euros, retrocedeu un 2% en taxa anual.

En 2018 disolvéronse 22.336 sociedades mercantís, un 3,5% máis que no ano anterior. É o terceiro crecemento anual que se rexistra nas disolucións empresariais tras dous anos de retrocesos. A maior parte da desaparición destas empresas foi voluntaria.

Así mesmo, ampliaron capital 31.232 sociedades mercantís, un 0,7% máis que en 2017. O capital subscrito nas ampliacións rexistrou un descenso do 30,6%, ata os 26.421 millóns de euros, e o capital medio diminuíu un 31%, ata 845.978 euros.

Evolución do número de empresas creadas en Galicia. EPDATA
Evolución do número de empresas creadas en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta