A Xunta di que o custo do cambio de axenda de Feijóo para asistir a Colón "non foi a cargo dos galegos"

Alfonso Rueda ironizou coa postura da oposición sobre a viaxe a América: "Pasou de dicir que non valía para nada a dicir que era gravísimo non cumprir coa axenda". Ante as demandas de transparencia efectuadas por algúns grupos parlamentarios, remitiu que é unha cuestión que abordará o responsable de Relacións Exteriores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o custo do cambio de axenda do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, para asistir á manifestación en defensa da unidade de España en Madrid "non foi a cargo dos galegos".

Así o indicou Rueda, a preguntas dos xornalistas este martes, durante o acto de entrega dos informes de avaliación de transparencia no sector público á valedora do Pobo, Milagros Otero.

Deste xeito, o número dous do Goberno galego di descoñecer se o cambio na axenda do presidente -que adiantou a súa volta a España para asistir en Madrid á manifestación do pasado domingo- supuxo "unha variación" no custo da viaxe institucional a Estados Unidos, aínda que subliñou que, en caso de habela, "non sería a cargo dos galegos".

Ademais, fronte ás demandas de transparencia efectuadas polos grupos da oposición, Alfonso Rueda manifestou que será o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, quen dará conta do custo total da viaxe ao país norteamericano cando compareza ante a Comisión 1ª do Parlamento autonómico, onde informa dos desprazamentos institucionais dos representantes da Xunta.

Así mesmo, agradeceu, de modo irónico, o cambio de parecer da oposición sobre a viaxe de Feijóo a Estados Unidos. "A oposición pasou de dicir a principios de semana que non valía para nada a dicir que era gravísimo non cumprir coa axenda. Agradecemos que recoñezan que se estaban facendo cousas importantes", declarou.

Alfonso Rueda realiza declaracións aos medios. EUROPA PRESS - Arquivo
Alfonso Rueda realiza declaracións aos medios. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta