Feijóo entra por teléfono no Land Rober e aproveita para criticar en directo a Abel Caballero

Roberto Vilar e o actor Luís Zahora axudan a edulcorar a imaxe do presidente galego que presumiu da súa amistade co cantante Julio Iglesias. Horas antes fora abucheado xunto a Casado en Vigo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entrou en directo no programa ‘Land Rober’ da TVG. Foi durante un xogo ‘Mira quen chama celebrities’, no que participaban o presentador, Roberto Vilar, e o invitado da semana, o actor Luís Zahera. E,a través do teléfono, aproveitou para felicitar a Zahera, criticar a Caballero e presumir da súa amistade con Julio Iglesias.

Roberto Vilar e Luís Zahera falan por teléfono con Feijóo no Land Rober
Roberto Vilar e Luís Zahera falan por teléfono con Feijóo no Land Rober | Fonte: TVG

Durante o programa chancearon coa posibilidade de que Feijóo puidera “tumbar” o programa, precisamente, por ter entrado en directo case a medianoite. “Boas noites presidente. Son Roberto Vilar, ese programa que ten que durar moitos anos”, dixo un incrédulo Vilar. “Iso terano que decidir os espectadores”, chanceou Feijóo. “E que non contaba con vostede”, respondeulle o presentador. “E que lle debía unha a Luis”, indicou o presidente.

Durante a conexión telefónica, Feijóo aproveitou para felicitar o actor polo seu recente premio Goya. Ante a incredulidade dos dous, o presidente da Xunta quixo aclarar o motivo, en parte, da súa chamada: “É que lle debía unha a Luís porque cando estiven aí cometín o erro imperdoable de non recoñecelo e, con toda a razón, criticáronme”. E tamén engadiu que das primeiras cousas que fixo tras saber que o actor gañara o premio foi chamalo para felicitalo.

ABEL CABALLERO

E, durante a conversa tamén se aproveitou para criticar a Abel Caballero. Así, Vilar lembrou que Julio Iglesias acudiu ao seu programa pola intercesión do propio Feijóo. “E só hai unha persoa que o podería petar máis en audiencia que Julio Igleisas”, continuou. “El Papa”, dixo Zahera. “Ai, non?”, apuntou Feijóo. “E non digo Amancio Ortega. Se vostede puidera axudar igual petabamos no Land Rober?”, prosegiu Vilar. “A ver dime”, contestoulle Feijóo.

“Eu creo que ten vostede boa relación con el”, ironizou. “A ver dime”, proseguiu Feijóo curioso.  “Abel Caballero”, espetou Vilar. Entón todos riron. “Isto é pa colgarlle o teléfono, Alberto”, dixo entón Zahera. “Ti dame unha oportunidade. Se comparece no Parlamento galego, que estamos esperando por el, eu despois intento convencelo para que despois vaia para a TVG que é o que corresponde”, chanceou Feijóo.

JULIO IGLESIAS

Feijóo tamén aproveitou para presumir da súa amistade con Julio Iglesias e dixo que na súa recente viaxe a Miami tivo unha longa conversa con el –no estaba prevista na súa apretada axenda--. Nesa conversa, segundo Feijóo, o cantante díxolle que lle ían dar un Grammy e que non ía recollelo e que a última entrevista que lle dera fora ao Land Rover. “E tamén me preguntou moitas cousas de Galicia e España. Julio Iglesias está ao loro de todo o que pasa aquí”.

Nesta chamada de Feijóo non houbo ningunha broma crítica cara o presidente. A única, a súa visita a Miami. E iso que este xoves Feijóo acudiu con Pablo Casado a Vigo a falar sobre "la unidad de España" nun acto no que foron recibidos con asubíos e protestas, e nun momento no que máis arrecian as críticas pola situación da sanidade en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Nemeto

O galego da maioría da programación da rtvg é castrapo. Roberto Vilar e compañía son o exemplo perfecto da castelanización da nosa lingua. Do galego de Feijóo non falo porque nin a castrapo chega. O problema é que non pasa nada por elo. Por certo, Zahera O'Goya antes de recoller o premio falara na gala de Villagarcía de Arosa... Temos o inimigo na casa.

1 Sentidiño

Os traballadores fan o que poden, os responsábeis son os responsábeis... Os cómicos non son persoal da tvg, e falan así porque seica iso fai rir, e o nivel de lingua non o establecen eles: non criticamos a tve pola lingua de Los Morancos. (E un comentario: "elo" é cada peza dunga cadea).

1 Gamela

Máis aló da anécdota deberamos preguntarnos pola programación da TVG ! Entre programas magazine e programas de cociña e programas concurso todo o que temos na TVG é francamente unha perda de tempo e de cartos públicos! De seguir así que non se queixen os traballadores da TVG de que algún día se pida o peche definitivo desta broma contínua... Galicia non vai soportar máis tempo estas miserias !!!