Xubilase a patrulleira Paio Gómez Chariño tras 15 anos de servizo

A Xunta xa deu luz verde á construcción dunha nova embarcación que custará maís de 6,5 millóns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves á licitación dun contrato para a construción e subministración dunha patrulleira de altura para o Servizo de Gardacostas de Galicia por un importe máximo de algo máis de 6,5 millóns de euros. Unha embarcación que substituirá á patrulleira Paio Gómez Chariño que é relativamente nova, do 2003.

O Goberno galego explicou que esta medida se enmarca no proceso de renovación parcial da frota deste organismo público para mellorar as tarefas de inspección, control e apoio á frota, así como a colaboración en operacións de busca e salvamento e a loita contra a contaminación mariña.

Así mesmo, indicou que o acordo aprobado polo Executivo galego supón iniciar a tramitación do contrato, que conta cun orzamento de 6.503.750 euros repartidos entre 2019 (case 1,2 millóns) e 2020 (máis de 5,3 millóns) e cofinanciado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Unha vez formalizado o contrato, a empresa adxudicataria contará cun prazo de 19 meses para entregar a embarcación.

A Xunta destacou que a medida acordada dá continuidade ao plan de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas, polo que hai dúas patrulleiras lixeiras en proceso de construción e outras dúas con contrato en fase de adxudicación. Todas as embarcacións que se incorporarán ao organismo público galego farano para substituír ás antigas e proceder á renovación da frota. No caso desta, de gran porte, ocupará o lugar da Paio Gómez Chariño, construída en 2003.

A patrulleira Paio Gómez Chariño
A patrulleira Paio Gómez Chariño | Fonte: youtube.com

O contrato para a subministración desta patrulleira de altura exixirá que sexa de tipo monocasco e que conte cun acabado do máis alto nivel de calidade para os barcos profesionais desta clase. Ademais, a súa eslora deberá ser de entre 37 e 39 metros, terá un calado máximo de 1,25 metros e alcanzará unha velocidade de ata 25 nós en condicións de plena carga e estado do mar en calma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta