Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/10/2011 | Actualizada ás 13:05
O telexornal reivindicativo foi realizado o luns 10 de outubro na Praza do Toural de Santiago e por el participaron boa parte dos traballadores que ese día fixo folga, o 80%, segundo os datos do comité Interempresas.
Ese informativo tratou de expoñerlle á sociedade galega e á clase política a importancia que ten a CRTVG coma servizo público esencial e as ameazas que, en opinión do Comité, representa para o seu mantemento a nova Lei dos Medios de Comunicación Públicos de Galicia que está a piques de ser aprobada no Parlamento co consenso do PPdeG e o PSdeG.
Apartados
Un día despois da súa realización, os seus presentadores; Ana Pérez e Alfonso Hermida, recibiron unha comunicación por parte dos directivos do programa especial que se fará nas eleccións do 20 de novembro para comunicarlles que non participarían na súa realización, a pesar de que estes dous xornalistas son xa dous habituais neste tipo de programas.
O dirección da TVG alega que non había ningunha comunicación oficial por parte do ente público a este respecto, mentres que o Comité Interempresas insiste en que se trata dun claro caso de censura e represión.
Concentracións
Por iso, este órgano acaba de convocar diversos actos de protesta para denunciar as represalias da Dirección Xeral da CRTVG. Estes actos consistirán en concentracións de cinco minutos que se celebrarán os vindeiros días 16, 17, 19 e 21 de outubro no vestíbulo da entrada principal da TVG, xusto debaixo do despacho do Director Xeral.
Estas concentracións son previas a unha concentración que vai convocar novamente diante do Parlamento de Galicia para protestar contra o actual texto da Lei dos Medios Públicos de Comunicación de Galicia, unha cita que queren facer coincidir con iniciativas parlamentarias relacionadas co asunto. Tamén recordan que están a preparar unha gran manifestación en defensa dos medios públicos de comunicación cuxa data está aínda por determinar e que estará aberta á participación de toda a sociedade galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.