Palabra de muller, unha homenaxe á escritora Luísa Villalta

“Se hai un trazo característico que transversaliza de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita da autora este é, a non dubidalo, o da súa inequívoca pegada feminista", din desde o Ramón Piñeiro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A escritora Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) é unanimemente recoñecida como unha das voces máis destacadas da literatura e o pensamento en Galicia nas últimas décadas. Poeta, narradora, dramaturga, ensaísta e tradutora, amais de virtuosa violinista, a súa obra marca un fito nas letras galegas do noso tempo.

A escritora Luisa Villalta
A escritora Luisa Villalta | Fonte: culturagalega.gal

E con motivo dos 15 anos da súa morte, e ante a proximidade do 8 de marzo, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Igualdade desenvolveron este mércores unha xornada de homenaxe desta intelectual que tanto fixo pola necesaria dignificación do papel da muller na sociedade, en xeral, e no país galego, en particular.

“Se hai un trazo característico que transversaliza de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita da autora este é, a non dubidalo, o da súa inequívoca pegada feminista, pois só dende a asunción da loita a prol da igualdade de xénero e o apoderamento da muller é posible entender moitas das xeniais páxinas desta extraordinaria creadora”, apuntan desde o centro Ramón Piñeiro.

Nesta homenaxe estiveron a nai e a irmá da escritora homenaxeada, María Gómez Castro e Susana Villalta Gómez e contou coa participación de Estíbaliz Espinosa (“Luísa Villalta, poeta”); Inma Otero Varela (“Luísa Villalta, narradora e ensaísta”); Inma López Silva (“Luísa Villalta, dramaturga”); Miriam Ferradáns (“A pegada de Luísa Villalta nas novas xeracións literarias”). Tamén tivo lugar un acto de recitación e lectura de textos da autora e un peche musical do Grupo Vocal EntrElas e Paloma Diago).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta