Ence cae na Bolsa ante o seu incerto futuro

As accións caeron un 1,61% ao peche da xornada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2019 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

As accións de Ence caeron un 1,61% ao peche da xornada deste luns, ante as dúbidas suscitadas sobre a concesión dos terreos sobre os que se sitúa a planta de celulosa de Pontevedra e o impacto que pode ter no plan de negocio da compañía. En concreto, os títulos da compañía papeleira e enerxética situáronse ao peche en 5,180 euros, despois de caer ao longo da sesión ata os 5,060 euros.

Ence, dende a praia de Lourido
Ence, dende a praia de Lourido | Fonte: Diego Portela en Flickr.

Ence decidiu manter os investimentos de 50 millóns comprometidos para 2019 na súa planta de Pontevedra, conxelando o resto de investimentos previstos no seu plan de negocio para esta planta ata saber que ocorrerá finalmente coa concesión da mesma.

A firma que preside Juan Luís Arregui deuse un prazo de catro semanas para presentar unha análise do impacto desta nova situación no seu plan estratéxico 2019-2023 e definir alternativas ao mesmo.

Entre elas podería estar o traslado de parte da produción da planta de Pontevedra á de Navia, aínda que a firma estima que a ampliación de capacidade produtiva desta planta non sería suficiente para alcanzar o obxectivo inicialmente fixado no seu plan estratéxico actual.

As dúbidas sobre a concesión da planta de Pontevedra poden facer variar as principais magnitudes do plan estratéxico, co que Ence prevía case duplicar o seu resultado bruto de explotación (Ebitda), ata alcanzar 550 millóns de euros en 2023 a prezos constantes da celulosa, á vez que se marcou o obxectivo de levar a cabo investimentos produtivos de 1.100 millóns durante o próximos cinco anos.

En concreto, a compañía estimaba no plan que o negocio da celulosa elevase a súa Ebitda ata os 400 millóns de euros e o de enerxía ata 150 millóns en 2023.

Se o proceso non se resolve de forma exitosa para a compañía, Ence reclamará todos os investimentos realizados na planta desde que se estendeu a concesión, que alcanzan 132 millóns de euros.

A compañía considera que mesmo no caso de que a Xustiza non lle dese a razón, deberían ser capaces polo menos de obter unha prórroga para a planta ata o 2033, o que implicaría unha duración da concesión de 75 anos en total.

O procedemento legal, que continuaría inicialmente coa decisión en aproximadamente un mes da Audiencia Nacional sobre se continúa cos procedementos en curso dando a opción a Ence de defenderse nos mesmos, podería alongarse entre 4 e 6 anos no caso de que se tivesen que esgotar todas as instancias legais, incluíndo o Tribunal Supremo, o Constitucional e instancias europeas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta