Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/03/2019 | Actualizada ás 17:44
A Xunta Electoral Central deu luz verde á coalición En Común, marca de Unidas Podemos en Galicia onde, tras a ruptura de En Marea, Podemos Galicia e Esquerda Unida trasladaron a alianza estatal aquí de cara ás eleccións xerais do próximo 28 de abril.
A coalición, á que finalmente non se sumou Anova, que optou por non presentarse ás eleccións tras fracasar as negociacións con EU e o partido morado, foi rexistrada na noite do venres 15 de marzo, día no que concluía o prazo para o rexistro de alianzas electorais.
En Común-Unidas Podemos, na que tamén participa Equo Galicia, estará encabezada por Antón Gómez-Reino na Coruña, Yolanda Díaz en Pontevedra e Ledicia Piñeiro en Ourense. O número un por Lugo aínda non está pechado. O prazo para rexistrar as listas definitivas conclúe o próximo 25 de marzo.
Por contra, a Xunta Electoral Central freou o recoñecemento das coalicións de Junts per Catalunya e de Compromís para as eleccións xerais do próximo 28 de abril ao apreciar problemas formais co seu logo que deben emendar en próximas datas.
Na súa reunión do luns, a JEC revisou as coalicións electorais que se rexistraron para as eleccións xerais en máis dunha provincia para confirmar que se cumpriron todos os requisitos legais.
Pero dúas desas alianzas quedaron pendentes ao detectarse problemas co seu logo, que, segundo as normas electorais, debe ser distinto ao dos partidos que integran a coalición. Trátase da coalición independentista catalá Junts, que agrupa a Junts per Catalunya (JxCat) e as súas marcas antecesoras PDeCAT e Convergència (CDC), e a valenciana Compromís, que suma a Compromís co Bloc Nacionalista (BNV), Iniciativa do Poble Valencià (IPV) e Els Verds Equo.
Segundo fontes do supervisor electoral, en ambos os casos o logo da coalición enviado identifícase cun dos seus integrantes, concretamente Junts per Catalunya no primeiro caso e Compromís no segundo, un defecto menor que debe ser corrixido.
A Xunta Electoral Central deu a súa visto e prace ás outras nove coalicións electorais presentadas, entre as que figura a de Unidas Podemos que suma a Podemos, EU e Equo; a reedición de En Comú en Cataluña que une ás forzas de Pablo Iglesias e Ada Colau; a nova En Común de Galicia que xunta a parte da antiga En Marea; e a alianza de Esquerra (ERC) con Sobiranistes, a nova formación xurdida desde Catalunya En Comú.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.