O vindeiro pleno do Parlamento terá como centro dos debates o futuro do sector electrointensivo

PP e BNG coincidiron en cualificar de "insuficientes" as medidas que recolle o borrador do decreto lei que prepara o Executivo de Pedro Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

O futuro do sector electroinstensivo estará no foco do debate da próxima sesión plenaria do Parlamento de Galicia, na que o PPdeG presentará unha iniciativa coa que busca situar aos grupos para que a Cámara "alce a voz" contra o borrador do real decreto-lei para as empresas electrointensivas que os populares consideran "insuficiente" e "que non resolve nada".

Así o indicou este mércores o viceportavoz popular na Cámara, Miguel Tellado, nas comparecencias posteriores á celebración da xunta de portavoces que configurou a orde do día do pleno do Parlamento galego que terá lugar a próxima semana. Unha sesión na que comparecerá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para expor a nova Lei de residuos que se atopa en proceso de tramitación tras recibir o visto e prace do Goberno autonómico hai agora un mes.

Pola súa banda, os grupos de En Marea e PSdeG empregarán a sesión de control ao Goberno para volver trasladar ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, preguntas sobre a "deterioración" da sanidade pública e a "conflitividade" que existe entre os profesionais do Sergas ao longo dos últimos meses. O BNG centrará a súa pregunta ao xefe do Executivo galego no futuro de Ence e a súa permanencia na Ría de Pontevedra, asunto que volveu á primeira liña mediática despois da decisión do Goberno de Pedro Sánchez de non continuar coa defensa nos tribunais da prórroga concedida á pasteira para continuar en Lourizán ata 2073.

SECTOR ELECTROINTENSIVO

Así as cousas, a proposta do Goberno central para fomentar a competitividade das empresas electrointensivas chegará á Cámara galega a través de iniciativas presentadas polo grupo maioritario, PPdeG, e o Bloque Nacionalista Galego. Ambas as forzas coincidiron en cualificar de "insuficientes" as medidas que recolle o borrador do decreto lei que prepara o Executivo de Pedro Sánchez. Para o popular Miguel Tellado, trátase de "un fracaso absoluto" porque "non resolve nada" e a proposta dos socialistas chega "tarde, mal e arrastras".

O PPdeG avanzou que presentará alegacións ao documento para as electrointensivas e buscará que os grupos da Cámara sitúense en contra da proposta do Goberno a través dunha iniciativa que levarán a esta sesión plenaria. "Queremos que a nosa proposta conte co respaldo do Parlamento para que Galicia alce a voz contra un estatuto insuficiente", aseverou Miguel Tellado. Neste sentido, os populares censuran que o real decreto-lei "non recolle as propostas elevadas desde a Xunta e consensuadas co sector", como a "redución de peaxes" e da "fiscalidade" ás compañías ou dotar de "certeza" aos mecanismos de emisión de CO2 para as empresas do sector.

O Bloque, pola súa banda, tamén critica a proposta do Executivo central porque "lonxe de achegar solucións trae aínda máis incerteza" e "novas ameazas" para o sector, como ejemplifica, en palabras da deputada nacionalista Olalla Rodil, que Alcoa anunciase que o novo marco regulativo pon en perigo a continuidade da súa planta en San Cibrao (Lugo). Rodil lembrou que a factoría de Alcoa no municipio de Cervo reprenta o 30 por cento do PIB da provincia de Lugo e dela dependen "case 2.000 postos de traballos directos e indirectos", polo que incidiu en que a "ameaza" da multinacional do aluminio "non pode materializarse desde ningún punto de vista". Con todo, o BNG non só apunta ao Executivo central, senón que traslada tamén á Xunta a responsabilidade de velar polo futuro de Alcoa e do resto de centros do sector electrointensivo, como as plantas de Ferroatlántica nos concellos coruñeses de Cee e Arteixo.

Por iso, insta á Xunta a "exercer como goberno do país", pois consideran "inadmisible" que o sector industrial galego "teña sempre a espada de Damocles" polo "elevado" prezo da electricidade cando Galicia é unha rexión "excedentaria e exportadora" de enerxía. Tamén En Marea, da man do seu portavoz, Luís Villares, referiuse ao futuro do sector electrointensivo para reclamar "medidas valentes" desde as administracións para implantar políticas públicas que garantan a continuidade das compañías en terreo galego.

O partido instrumental deixa para o próximo pleno unha iniciativa que será presentada a semana que vén na que propoñen unha "alternativa integral" para a reforma da regulación do sector eléctrico que "poña fin á especulación" coa enerxía de face a beneficiar á continuidade das empresas en Galicia e que redunde no consumidor particular.

EN MAREA E PARTIDO SOCIALISTA

O Partido socialista empregará o pleno para obrigar ao PP a situarse sobre a proposta efectuada polo seu líder estatal, Pablo Casado, de eliminar o requisito de coñecer a lingua cooficial para acceder a un emprego público en comunidades como Cataluña, Euskadi, Comunidade Valenciana, Baleares e Galicia. En palabras do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, o obxectivo da iniciativa é obrigar aos populares galegos a definir se comparten a posición do seu partido a nivel estatal "contra o uso normalizado do galego".

Por iso, os socialistas presentan unha moción para garantir que o coñecemento da lingua galega sexa "un requisito e non un mérito" para acceder a un emprego público. "É razoable que haxa excepcións, pero con carácter xeral debe ser un requisito", insistiu. Así mesmo, o PSdeG volverá á carga coa situación da sanidade pública, que será de novo o asunto polo que cuestionará a Núñez Feijóo o portavoz socialista durante a sesión de control. Leiceaga lembrou que o barómetro do CIS sobre a opinión dos cidadáns acerca da sanidade pública reflicte unha tendencia "á baixa", algo que cualificou como "moi preocupante" porque cada vez son máis os que "acudirían á privada pola deterioración da pública".

En Marea tamén presenta outra proposta que pretende instar á Xunta a crear mecanismos que "garantan o dereito a unha vivenda digna", xa que "os mozos galegos son os que máis tarde se emancipan de toda España; non porque non queiran, senón porque non teñen condicións para facelo". Así o indicou Villares, que apuntou que as medidas que expón o partido instrumental son blindar que o 30 por cento das vivendas que se constrúan sexan protexidas e "dobrar" o parque público para combater o auxe nos prezos dos alugueres, que experimentan aumentos anuais "de entre o 12 e o 16 por cento".

Hemiciclo galego no arranque da X Lexislatura. EUROPA PRESS - Arquivo
Hemiciclo galego no arranque da X Lexislatura. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta