Acordan co Sergas un "obxectivo idóneo" de 30 pacientes por xornada en Atención Primaria

Estas medidas contarían co "financiamento necesario" e detallarán as "dedicadas a incremento de persoal". Porén, sindicatos como CC.OO rexeitan o convenio, por ser negociado fóra da mesa sectorial

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

As medidas acordadas entre o Servizo Galego de Saúde e representantes de sociedades científicas e colexios médicos de Galicia fronte ao "exceso de demanda" en Atención Primaria fixan un "obxectivo idóneo" de 30 pacientes por xornada.

Así se recolle no documento asinado este mércores en Santiago, ao que tivo acceso Europa Press, no que para atender o "exceso de demanda" neste nivel asistencial se acordou a creación "dunhas 60 prazas nos dous próximos anos" que se "adxudicarán con preferencia aos centros de saúde con cotas medias superiores a 1.400 TIS, axustadas por complexidade e con porcentaxe de pacientes maiores de 75 anos maior do 15%".

Ademais, no acordo subscrito entre directivos do Sergas co seu xerente á fronte, Antonio Fernández-Campa, e representantes de AgamFEC, SEMG Galicia, Semergen e colexios médicos concrétase que "estas prazas serán ofertadas nas seguintes OPEs". A iso súmase "promover melloras no contrato de continuidade".

No terceiro punto do documento acórdase "promover a figura do xefe de servizo como responsable de organizar a actividade de todas as categorías profesionais que traballen no centro de saúde". "Os conflitos e incidencias que poidan exporse no mesmo serán resoltas por dito xefe de servizo e trasladadas, se non fose posible, ao director de Atención Primaria da área para a súa resolución ao devandito nivel", matízase no documento acordado.

REUNIÓNS CON PACS.

Outros puntos do acordo céntranse en introducir fórmulas de incentivación da figura do titor de residentes e a dispoñibilidade do Sergas "para celebrar de forma inmediata novas reunións de traballo cos profesionais dos PACs", que están en folga. A iso súmase elaborar un catálogo de probas diagnósticas accesibles desde Atención Primaria. "A aplicación de protocolos deberá ser común a profesionais de hospital e Atención Primaria", puntualizan no texto.

O sétimo e último punto do documento asinado céntrase en que as medidas expostas "contarán co financiamento necesario" para "podelas facer efectivas", que se fará pública "nas próximas tres semanas, detallando, entre outras, as "dedicadas a incremento de persoal".

Tras este acordo, considerado "moi importante" por representantes de sociedades científicas presentes na firma, sindicatos como CC.OO. rexeitárono porque ven  "inaceptable" que a Administración sanitaria persista nunha "política de negociar fóra da mesa sectorial cuestións que debe tratar coa representación legal dos traballadores".

Personal sanitario. EUROPA PRESS - Archivo
Personal sanitario. EUROPA PRESS - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta