Denuncian que o Concello de Touro verte residuos nunha parcela forestal

O colectivo Aldea Viva pide o cesamento inmediato do concelleiro de Agricultura e Medio Ambiente, Alfredo Souto Castelo.

Por Galicia Confidencial | Touro | 21/03/2019 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

Aldea Viva denuncia que terreos forestais da zona Touro-Quion, perto do núcleo poboacional de Mourelos Hermo, están sendo usados como depósito de residuos e fan responsable destas accións ao concelleiro de Agricultura e Medio Ambiente, Alfredo Souto Castelo.  O lugar é un predio, concretamente o 382 da concentración parcelaria en Touro-Quion. Aldea Viva  sinala que “ segundo a Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, é para “depósito de madeira e maquinaria contra incendios”.

Verteduras de residuos en Touro
Verteduras de residuos en Touro | Fonte: Aldea Viva

Non obstante, segundo sinala o colectivo veciñal no seu comunicado “o estado actual do predio é un vertedoiro cuberto de residuos, sen ningún tipo de tratamento nin xestión nin control dos mesmos”. Os refugallos son “principalmente residuos procedentes de obras de construción e demolición”. Así, denuncia que “en toda a extensión da parcela hai amoreadas e ciscadas centos de toneladas de residuos de formigón, elementos de edificación de natureza plástica de distintos tipos e elementos metálicos”. 

A nota enviada por Aldea Viva denuncia que “todos estes residuos son vertidos directamente sobre o terreo natural e sen ningún tipo de cuberta nin tratamento”.Ademais diso “as augas da chuvia escorren polos residuos cara as parcelas lindantes e pola cuneta da pista á que ten acceso, contaminando as augas e o solo”.

A asociación veciñal apunta que tamén “segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Touro, este terreo está clasificado como Solo Rústico de Protección Forestal e Solo Rústico de Protección de Infraestruturas”. Este estremo indica que  "en ningún caso está autorizado o seu como vertedoiro. Este incumprimento derivaría na reversión da titularidade dos mesmos”.

Aldea Viva apunta que “é a propia Administración Local, presidida por Ignacio Codesido do Partido Popular, a que incumpre a normativa de xestión dos residuos de construción e demolición”, e ademais estería  “incumprindo tamén  o propio PXOM e a Lei do Solo en canto aos usos do solo”. Por tanto “trátase de feitos que poderían ser constitutivos de delito contra o medio ambiente e tamén derivar en sancións en prexuízo do erario público municipal”.

Xunto a todo o apuntado, outro dos temores é que estas verteduras en terreos forestais, ademais de incumprir coas lexislacións sobre protección de solo e da legalidade urbanísticao “acaba provocando un efecto chamada mesmo na poboación, máxime cando é a Administración Local, a máis próxima ao cidadán, quen efectúa, polo que os feitos son de extrema irresponsabilidade por parte do Concello de Touro”.

Finalmente, a asociación Aldea Viva pide o cesamento inmediato do concelleiro de Medio Ambiente Alfredo Souto, ao que acusan de “mirar para outro lado ante cada un dos delitos medioambientais que se levan producindo en Touro durante os últimos 20 anos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta