Amancio Ortega será o caseiro de Amazon tras pechar a segunda maior compra da súa historia

O fundador de Inditex desembolsou 655 millóns de euros para facerse coa sede desta compañía de comercio electrónico en Seattle (Estados Unidos)

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 27/03/2019 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, converterase no caseiro de Amazon tras pechar a compra de parte da sede central do xigante do comercio electrónico en Seattle, nunha operación valorada finalmente en 740 millóns de dólares (655 millóns de euros), segundo informaron a Europa Press en fontes coñecedoras da transacción.

En concreto, o empresario galego, a través da súa firma de investimento Pontegadea Inmobiliaria, pechou a súa maior compra en Estados Unidos e a segunda maior da súa historia, despois da realizada o pasado verán en Londres,  cando lle mercou a Blackstone o edificio 'Adelphi' por unha cantidade próxima aos 600 millóns de libras (702 millóns de euros).

Amancio Ortega, fundador de Inditex
Amancio Ortega, fundador de Inditex | Fonte: @TVGalicia

Así mesmo, segundo 'The Seattle Times', esta adquisición é unha das operacións inmobiliarias máis importantes que se levaron a cabo na historia da cidade estadounidense, xa que a última destas carácterísticas realizouse en 2015, ano no que se vendeu o Columbia Center por 711 millóns de dólares (630 millóns de euros).

Nesta ocasión, Ortega adquiriu o activo denominado Troy Block, composto por dous edificios que á súa vez forman parte dos 40 inmobles do campus de Amazon, propiedade de USAA Real Estate, a rama inmobiliaria da aseguradora ligada ao Exército de Estados Unidos.

O fundador de Inditex, que inviste parte dos dividendos que recibe da compañía téxtil no sector inmobiliario, posúe a maior inmobiliaria española, centrada na compravenda e aluguer de grandes edificios, que posúe unha carteira de activos inmobiliarios integrada fundamentalmente por edificios de oficinas, non residenciais, situados no centro de grandes cidades en España, Reino Unido, Francia, Estados Unidos e Asia.

Así, o valor razoable do conxunto da carteira inmobiliaria do grupo ascendeu a 8.759 millóns de euros, segundo se recolle nas contas anuais de 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta