O BNG aplaude a "valentía" da xuíza que investiga os crimes franquistas e que chamou a declarar a un exministro

Ana Miranda tamén pediu un aumento de orzamento para o programa Erasmus

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A xuíza arxentina María Servini, que instrúe desde 2010 o único proceso xudicial do mundo que investiga os crimes do franquismo, volveu chamar a declarar o exministro e exdeputado do PP, Rodolfo Martín Vila, por seis presuntos homicidios cometidos nunha xornada de folga laboral durante a Transición.

Así o asegurou a eurodeputada do BNG Ana Miranda, membro do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, que destacou o "valor e valentía" da xuíza, que este mércores emitiu a notificación de "comparecencia do exministro" Martín Vila. Ana Miranda mantivo o luns un encontro coa xuíza arxentina, durante o que lle pediu que fixese todo o posible para acelerar o proceso de imputación do exministro.

Tras a emisión da citación, a eurodeputada galega instou ao Goberno central a "non obstaculizar o traballo da xuíza arxentina". Miranda considera "inaceptable" que os sucesivos gobernos do Estado poñan trabas a que os crimes do franquismo sexan xulgados e reclamou a colaboración "sen fisuras" coa xuíza arxentina.

María Servini ditou xa en 2014 unha orde de detección internacional para que o exministro fose extraditado a Arxentina para tomarlle declaración pero a solicitude foi rexeitada a través dun acordo do entón goberno do PP de Mariano Rajoy en marzo de 2015. Tras esta negativa por parte do Goberno a colaborar coa investigación dos crimes do franquismo, Servini emitiu unha comisión rogatoria para tomarlle declaración nos xulgados españois que foi rexeitada en outubro de 2016.

Martín Vila foi ministro nos primeiros gobernos posteriores ao franquismo e deputado despois co Partido Popular. Está investigado nesta causa pola súa actuación como ministro da Gobernación, equivalente ao actual cargo de ministro do Interior. Os supostos seis homicidios terían lugar nunha xornada de folga en Vitoria (marzo de 1976), con participación da Policía Armada, a Garda Civil ou o grupo de extrema dereita Guerrilleiros de Cristo Rey.

Durante a reunión desta semana, Ana Miranda entregoulle á xuíza arxentina a "Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do fascismo en Europa", aprobada o pasado 25 de outubro de 2015, para que fose incorporada ao expediente do franquismo.

PIDE O AUMENTO DE ORZAMENTO PARA O PROGRAMA ERASMUS

Por outra banda, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu no Parlamento Europeo en nome do grupo parlamentario Verdes-ALE, no que está integrado o BNG, a ampliación do orzamento para o período 2021-2027, destinado ao programa Erasmus.

Aínda que valorou positivamente a proposta da Comisión, destacou a necesidade de aumentar os seus fondos de forma que tamén poidan acceder os estudantes de Formación Profesional. Para a eurodeputada nacionalista, o incremento permitirá realizar un programa máis inclusivo socialmente de cara ao estudiantado galego con menos recursos económicos.

Neste sentido, fixo referencia á súa propia experiencia persoal, cando participou nun Erasmus no ano 1993 en Alemaña. "Unha estudante universitaria dunha Universidade galega que estuda e traballa para pagarse os seus estudos é difícil que teña a oportunidade de saír ao estranxeiro", expresou.

A xuíza da querela arxentina por crimes do franquismo chama a declarar a. BNG
A xuíza da querela arxentina por crimes do franquismo chama a declarar a. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta