Falta de medicamentos, algúns factores que interveñen no desabastecemento das farmacias

A falta de medicamentos é unha situación máis común do que pensamos. Prezos, falta de principios básicos para a fabricación ou baixo rendemento para o fabricante, son algúns dos factores que, en principio, determinan a ausencia ou non dos remedios que imos buscar á farmacia.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS) actualiza todas as semanas a lista de medicamentos que non se poden recoller. Concretamente faino na CIMA, a web onde aparecen os nomes dos compostos químicos en disposición de venda ou os que faltan dos almacéns porque os laboratorios non crearon ou elaboraron a cantidade suficiente. Ou tamén porque hai motivos que os mesmos laboratorios poñen sobre a mesa como a escasa rendibilidade que poden tirar dun producto médico en determinado lugar, por tanto buscan un mercado mellor.  

Farmacia, farmacias, medicamento, medicamentos, medicamento, medicamentos. EUROPA PRESS - Arquivo
Farmacia, farmacias, medicamento, medicamentos, medicamento, medicamentos. EUROPA PRESS - Arquivo

FACTORES

“É un problema multifactorial. As causas que impiden o fornecemento de medicamentos son principalmente as derivadas de problemas para a fabricación ou das políticas de prezos”, sinala Alba Soutelo, do Colexio Oficial de Framacéuticos de Pontevedra (COFPO). Soutelo enumera tamén unha lista de potenciais causas que frean a chegada de menciñas ao seu destino. “Os problemas na fabricación poden estar na concentración da producción do principio activo nunha soa fábrica, dificultades nesa fábrica, cambio nos provedores, desaxustes coa produción, falta ou escaseza de materia prima, incrementos na demanda que fan imposible axustarse a ela e tamén a deslocalización da fabricación”.

Héctor Castro, do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC), coincide nesta posición. “Os motivos son múltiples e  os efectos son multicausais, moitas veces relacionados entre eles”.  Esa relación entre os motivos e os efectos explícao Castro así “isto quere dicir que cando non hai fornecemento de menciñas, outros laboratorios teñen que asumir ese baleiro aumentando a súa produción, cousa que pode provocar o desabastecemento de máis medicamentos”. Á parte disto, tamén está a posibilidade de que o mesmo principio activo non estea dispoñible na Unión Europea, cousa que complica a busca dunha solución.

PREZOS E LABORATORIOS

Hai outros motivos apuntados pola Axencia Española do Medicamento que denominarían menores pero que tamén contan no momento de fornecer as farmacias. Entre eles está “a diferenza de prezo entre os países da UE que pode facer derivar medicamentos cara países onde sexa máis rendible a sua venda”. Outro factor é Brexit “algo que ao mellor vemos como algo alleo ao noso día a día, pero tamén pode afectar ao desabastecemento por acopio que se pode estar facendo o Reino Unido” di Héctor Castro. Segundo un informe da AEM, estas cuestións están sobre a mesa sen un gran impacto mais teñen a súa relevancia.

Farmacia
Farmacia | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Os prezos dos medicamentos van en función de diversos factores. O primeiro é cando un laboratorio descubre unha molécula que dará paso a unha nova menciña. “Descuberta unha molécula, en Europa ten unha protección de patente por dez anos prorrogables por dous máis” di Castro. Isto implica unha exclusividade de comercialización para recuperar o investimento en investigación. O laboratorio pode vender directamente ou que outros laboratorios vendan a mesma molécula mediante licenzas. “Pasados os dez anos e dous de prórroga, poden pasar a ser xenéricos saíndo a un prezo máis baixo”.

E como e quen pon os prezos? “Os prezos son fixados nunha comisión de negociación entre o Ministerio de Sanidade e os laboratorios”. Esta comisión establece o prezo do medicamento “en base aos beneficios clínicos e o número de pacientes que pode cubrir e en base aos resultado do tratamento en base a eses pacientes en calidade de vida, frecuentación aos hospitais mellora do control de saúde” sinalan desde o COFC. E remarcan: “o ministerio é quen pon os prezos logo da negociación”.

Tamén poden darse casos como o da Hepatite C. Os laboratorios “puxeron sobre a mesa un prezo, e en todos os países con sistemas de finanzamento público, as negociacións poden ser moi difíciles,  porque depende dos cartos que se teñan para pagar o medicamento que se negocie sinala Héctor Castro. Por que houbo ese problema de acceso ao medicamento da Hepatite C? Segundo fontes profesionais da farmacéutica, “porque curaba a enfermidade no 98% dos casos e non só a cronificaba, o investimento era bo”. Con todo, o problema non foi só no noso país, senón tamén en países da nosa contorna. Para definir o prezo entran en xogo moitos factores “máis alá do desenvolvemento do principio activo, por teren repercusións en pacientes e en menos gastos indirectos”.

COMO SABER QUE MEDICAMENTO NON ESTÁ DISPOÑIBLE?

A consulta á páxina da CIMA permite ter información sobre que medicamentos están nas farmacias e cales non. “A día de  hoxe, o 83% de medicamentos en situación de desabastecemento, 510 afectados (o día 29 de abril), pois ese 83% pode ser substituido por outros que teñan a mesma composición sen  ningún impacto asistencia ou clínico para o paciente máis alá do aspecto da caixa ou do comprimido” sinala Héctor Castro. “O impacto non vai máis alá das oficinas farmacéuticas e de ter que facer unha substitución”.

As farmacias poden substituir un medicamento por outro coas mesmas cualidades? “Estamos avalados pola Administración para substutir os medicamentos por outros iguais, mais é certo que nós somos parte da solución e non do problema, porque buscamos que non teña impacto na sáude dos doentes” remarca Castro.  O 17% restante de medicamentos que non se poden substituir “nuns casos temos que derivar o paciente de novo ao seu médico para que lle dea unha receita con outro medicamento, aínda que non sexa o mesmo mais cun efecto e control semellante ao que substitúe”.

E se non é posible o caso anterior? “adóptanse canles como a importación de medicamentos doutros países ou ben restrinxindo o número de medicamentos que se liberan por parte dos laboratorios”. O obxectivo é que sexan destinados aos pacientes e non para outros destinos.

A falta de medicamentos nas farmacias responde entón a unha serie de factores que van desde a falta das materias primas, principios activos, prezos e a dificultade do laboratorio para encher a demanda. Por outra banda, sempre se poden substituir por xenéricos, e os xenéricos por outros xenéricos e cando non hai substitutos, o médico é quen ten que decidir que novo remedio pode darlle á persoa prescrita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Renton

Ter que mandar o médico a un paciente en taxi (co seu coste) para cambiar unha receta de naprilene por outra de enalapril polo único motivo de que Unha caixa ten 30 e outra 28 comprimidos é unha tomadura de pelo. E logo hay diplomados recetando e revisando medicaciòns coma se tuvesen formación en farmacoloxìa