Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/11/2011 | Actualizada ás 15:41
Hai crise ou iso din os políticos. Sen embargo, semella que para a inauguración dunha avenida en Santiago non houbo ningún tipo de límite a hora de aforrar. Un acto que lembra a épocas non tan pasadas nas que a inauguración de calquera cousa era precedida de paparotas e grupos de gaiteiros.
Neste acto só faltou a paparota porque ata gaiteiros había, aínda que só fora un, que quedou medio afogado na interpretación do himno galego. Un himno que, por outra banda, moi pouca xente entoou, comezando polo rexedor compostelano, e rematando por Feijóo que so moveu os beizos nas primeiras estrofas.
Gaiteiro, azafatas e rotonda
Había gateiro, había cinco azafatas, había un impoñente escenario con 200 cadeiras --a pesares dos 350 convites remitidos-- e dúas grandes pantallas e mesmo dous autobuses lanzadeiras para subir á xente desde o Multiusos de San Lázaro ata a Cidade da Cultura. Por haber ata había unha nova rotonda que foi feita en tempo récord.
E é que Fraga terá a súa avenida nunha das iconas que axudou a crear e a consolidar; a Cidade da cultura, que este venres estaba tomada por unidades antidisturbios da Policía, en previsión de posibles altercados. Non fixo falta, os ríxidos controis policiais a entrada da avenida fixeron imposible que ninguén que non estivera acreditado ou convidado poidear asistir ao evento.
Unha inauguración na que se deron cita, ademais de Feijóo e Conde Roa, tres conselleiros, numerosos altos cargos da Xunta, deputados e concelleiros do PP, o ex presidente galego Fernández Albor e os dous ex rexedores Xosé Sánchez Bugallo e Xerardo Estévez. Só faltou o homenaxeado que, por cuestións de saúde, tivo que quedar en Madrid.
"Parte da paisaxe"
E o acto, máis que unha homenaxe, case que semellou unha despedida cun Conde Roa lembrando que Fraga "nunca agardou nada a cambio, a pesares dos servizos prestados". Tivo as súas luces a as súas sombras pero foi un home de estado e un home de pobo", indicou.
E Feijóo foi, mesmo, máis alá, ao situar a "don Manuel" como un dos artífices do actual estatuto galego e do seu autogoberno. "Chegou á conclusión de que o autogoberno era o preciso en Galicia co galeguismo como mellor ferramenta", engadiu, porque "non era que tivera un estado, era que tiña a todo un pobo na cabeza".
E para rematar, máis un epitafio que un eloxio; "a pegada de don Manuel está presente en todos os lugares de Galicia e vive nos sentimentos de miles de galegos... Galicia agradécelle ese xesto facéndoo parte da súa paisaxe para sempre".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.