Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/11/2011 | Actualizada ás 17:12
As pasadas eleccións supuxeron un punto de inflexión na situación interna do BNG e deron inicio á carreira ou ás batallas polo futuro da formación frentista. As tres grandes correntes do BNG; UPG, Máis Galiza e Encontro Irmandiño non están moi lonxe de chegar a acordos ou puntos comúns, polo menos, nesta primeira fase da preasamblea.
Finalmente, nin Guillerme puxo o seu cargo a disposición do Consello Nacional, nin foi ratificado por ninguén para facelo durante o Consello Nacional que o Bloque realizou este sábado e no que houbo artillería pesada por parte de todas as correntes. A UPG foi a única formación que defendeu como bos os resultados e criticou duramente a EI e, especialmente, a Beiras por "airear" fora a situación interna do BNG.
Ei, pola contra --sen un Beiras que estaba no Foro Mundial--, criticou duramente os resultados do 20N e pediu a dimisión da Executiva nacionalista --na que non están representados-- logo do amago de Guillerme Vázquez de deixar o seu cargo.
E, Máis Galiza, que tamén foi crítica cos resultados, dixo, pola contra, que "non era momento" de dimisións nin de por os cargos a disposición de ninguén.
Por iso, Vázquez, tras a defensa feita pola UPG do seu papel nos comicios, e o desinterese por parte de Máis Galiza, evitou someter a votación do Consello Nacional o que antes anunciara nunha rolda de prensa. "Entendo que o Consello respalda a miña continuidade", dixo. Tampouco EI propuxo someter a votacion a dimisión de toda a Executiva e, finalmente, desde a dirección de comunicación do BNG sinalábase a varios medios que Vázquez fora "respaldado por unanimidade".
Desmentido
Unha versión que foi desmentida categóricamente tanto por EI coms por Máis Galiza que suliñaron, logo da reunión, que Vázquez non foi respaldado por ninguén porque, “non quixo someter a votación a súa decisión de poñer o cargo a disposición do Consello”.
E é que o único no que coincidiron as correntes do BNG na xuntanza deste sábado foi en mostrar a súa satisfacción por manter os dous escanos en Madrid. No resto non houbo ningún consenso, principalmente, na valoración dos resultados electorais. Uns resultados que a UPG defendeu como bos. “A min mesmo me chegou a felicitar Zapatero, os de EU, ERC ou CiU”, chegou a dicir Francisco Jorquera.
Pero, tanto EI coma Máis Galiza coincidiron en suliñar que os resultados non foran bos e que había que analizar e reflexionar por que se perdían 30.000 votos con respecto aos comicios de hai catro anos.
Os momentos de máis tensión foron cando algúns dos que tomaron a palabra –principalmente da UPG— pediron que os debates se dean dentro do BNG e non fóra. Unha clara alusión a Beiras. Algúns dirixentes nacionalistas mesmo foron máis lonxe e chegaron a decir que “se isto non se arranxa polas boas, haberá que arranxalo polas malas”.
Teresa Táboas
Outra das sorpresas deste sábado foi a dimisión de Terexa Táboas e de Antón Pérez Lema, Luis Barcia e Pablo Fernández Mariñas –todos eles moi próximos a Anxo Quintana—como militantes de Máis Galiza. Unha decisión que xa se coñecía de hai algún tempo pero chegou xusto cando se ía celebrar o congreso desta corrente que elixía a Carlos Aymerich coma candidato desta formación ás eleccións autonómicas.
“Desde logo foi un golpe baixo. Non é nada elegante que unha muller que foi conselleira e que tivo cargos de responsabilidade importantes saíra pola porta de atrás só porque non puidera ser ela a candidata de Máis Galiza… Semella máis unha pataleta que outra cousa”, apuntou un direxente desta corrente consultado.
“O de Teresa Táboas non é novo. Xa o sabían en Máis Galiza desde hai tempo e Aymerich nunca fixo nada por tender pontes, máis ben, todo o contrario. Só fixo público o que xa se sabía”, apunta outra fonte próxima a ex conselleira.
Con todo, a súa decisión molestou na dirección de Máis Galiza que acusa de Táboas de “maniobrar” para desacreditar a Máis Galiza. “Desde logo deixounos nunha mala situación, sobre todo, nun momento que era necesario a unidade para facer fronte á UPG”, concluén desde esta corrente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.