Os socialistas acusan a CC.OO. de "hooligans" por difundir "mensaxes de odio" contra eles pola situación de Ence

O sindicato acusa os dirixentes socialistas na cidade de "promover o cambio de criterio do Goberno" fronte á prórroga da empresa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O portavoz do Grupo Municipal do PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, considerou "impresentable e surrealista" que CC.OO. acuse os dirixentes socialistas na cidade de "promover o cambio de criterio do Goberno" fronte á prórroga de Ence e xulgou que está "a mostrar unha preocupante deriva cara o 'hooliganismo', traspasando a "liña vermella" ao difundir "mensaxes de odio que os pon no punto de mira".

Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo
Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo

Comisións Obreiras anunciou mobilizacións en contra do PSOE durante a campaña electoral pola situación de ENCE. Respecto diso, Fernández lembra que a Avogacía do Estado que é un órgano que "defende os intereses do Estado e non do Goberno, polo que as súas decisións non poden ser influídas por intereses persoais nin partidistas".

"Creo que isto non é tan difícil de comprender e CC.OO. está a insultar o traballo da Avogacía do Estado. Desminto rotundamente que nós tivésemos capacidade algunha de influír na Avogacía", manifestou o portavoz do PSOE.

Tino Fernández tamén advertiu á organización sindical que está a actuar "deliberadamente" dunha forma "irresponsable", que "pode levar importantes riscos, mesmo desde o punto de vista físico, para as persoas que puxo na diana das iras dos traballadores".

Así mesmo, advertiu ao secretario de Oorganización de Comisións Obreiras, José Luís García Pedrosa, de "errar no seu disparo", xa que no caso de que alguén teña algunha responsabilidade nesta situación "son a empresa e o PP, que fixeron as cousas realmente mal".

"A empresa enganou aos traballadores e o PP enganou á empresa", xulgou o dirixente socialista, quen incidiu en que o PSOE "xamais estivo a favor de nada que non sexa o traslado dentro da comarca de Pontevedra e, por tanto, do mantemento dos postos de traballo e da pasteira na contorna" pontevedresa. "A diferenza entre peche e traslado non debería de ser tan difícil de comprender", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta