A Valedora do Pobo renuncia ao seu cargo polo enchufe dunha sobriña de Fraga

Milagros Otero pide que os grupos parlamentarios acorden o seu substituto. Feijóo sae en defensa da dimisionaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2019 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, Milagros Otero, enviou ao Parlamento de Galicia unha carta na que pon o seu cargo a disposición da Cámara, que é o órgano que a nomeou, a proposta do PP, e ten o poder de revogala cunha maioría reforzada dos deputados. Pero vincula a súa renuncia a que os grupos parlamentarios se poñan de acordo previamente sobre o seu substituto á fronte da institución e na Vicevaledoría, que actualmente ocupa Pablo Cameselle (nome impulsado polo PSOE).

A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións. EUROPA PRESS - Arquivo
A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Fíxoo, segundo o escrito enviado ao presidente do Parlamento, despois de que o Tribunal Supremo ratificase a nulidade do nomeamento do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal, por "desvío de poder", a María Puy Fraga, sobriña do expresidente Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do Partido Popular.

Sería a segunda persoa á fronte da institución comisionada, creada por lei en 1984 pero cuxo primeiro valedor tomou posesión en 1990, que, se se ratifica o cesamento, sae obrigada da defensoría galega despois da dimisión en 2012 de Benigno López (que foi nomeado en 2007).

Nesa ocasión, López acabou deixando o cargo presionado polas críticas da oposición, tras efectuar unhas declaracións sobre os recortes sanitarios nas que suxería aplicar recortes e "suspender" a Lei de Dependencia en plena crise económica.

Pero hai unha diferenza entre a decisión que adoptou entón Benigno López e a situación actual exposta por Milagros Otero. O anterior valedor, maxistrado do TSXG, renunciou a seguir no posto e, de forma automática, isto supuxo que o vicevaledor, José Julio Fernández (nomeado a proposta do PP), asumise en maio de 2012 as rendas do alto comisionado, unha situación que se prolongou máis de tres anos.

Con todo, Otero condiciona no escrito enviado á Cámara galega a que os grupos parlamentarios teñan xa elixidos tanto o seu sucesor, como o do seu número dous. Isto implica unha renovación completa dos cargos da institución e evita deixar á fronte da defensoría galega, que fiscaliza á Xunta e concellos, a unha persoa proposta polo PSOE.

"SUPEDITA" A SÚA RENUNCIA

É máis, Milagros Otero "supedita" a súa renuncia a que os grupos parlamentarios acorden unha proposta de novos nomeamentos, como explicou nun comunicado enviado aos medios. A valedora rexistrou este xoves a misiva na que pon o seu cargo a disposición do Parlamento dirixida ao presidente, Miguel Santalices, para formalizar a súa petición e solicitar que se lle dese traslado aos grupos da Cámara.

E, non en balde, advirte nese mesmo comunicado que a institución "quere garantir á cidadanía que as súas queixas seguirán sendo tramitadas con normalidade como ata o momento". "A valedora seguirá exercendo ata o último día co mesmo rigor, profesionalidade e independencia a súa importante tarefa na defensa dos dereitos das persoas", sentenciou.

A renovación dos cargos do alto comisionado, que vive desde 2007 un período convulso fronte ao consenso dos anteriores valedores (José Cora e José Ramón Vázquez Sandes —como lembran quen conviviron con eles na Cámara galega— dependen dunha maioría reforzada de 3/5 da Cámara galega. É dicir, son necesarios os votos polo menos do PP (con 41) e doutro do tres grupos parlamentarios para conseguir os 45 necesarios.

POLÉMICAS NO VALEDOR DO POBO

Milagros Otero tomou posesión en setembro de 2015, despois de tres anos de interinidade da institución comisionada na que asumiu as rendas en funcións José Julio Fernández. Mantívose nese posto ata que populares e socialistas lograron acordar un paquete de nomeamentos durante ese verán (renovación do Consello de Contas e Consello de Administración da CRTVG), xa coa oposición máis fraccionada —PSdeG, AGE e BNG—, nunha "repartición de postos" criticado polas formacións minoritarias da Cámara.

Benigno López, presionado pola oposición —PSdeG e BNG—, viuse obrigado a deixar o seu posto á fronte da defensoría galega na que fora colocado por unanimidade cando gobernaba o bipartito e co apoio tamén dos populares, que foron os que publicamente defenderon a súa continuidade por "responsabilidade institucional".

Aquelas declaracións sobre os recortes foron o detonante, pero Benigno López xa mantivera varias polémicas, sobre todo co BNG, á conta da normalización lingüística e o apoio á lingua galega.

Milagros Otero, catedrática de Filosofía do Dereito, tampouco estivo exenta de polémicas e foi etiquetada, por parte da oposición, como "valedora do PP", xa que a xuízo destes grupos non foi belixerante á hora de fiscalizar a actuación do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Ela, con todo, sempre reivindicou a súa "independencia" á fronte da institución, na que mantivo un aberto enfrontamento co Concello de Santiago, e en concreto co seu alcalde, Martiño Noriega, á conta da situación dos sintecho.

O TSXG FALLOU QUE HOUBO DESVÍO DE PODER

Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a actual valedora do Pobo influíu no proceso de selección do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal para que recaese na filla do catedrático de Dereito do que Milagros Otero é discípula académica, como recoñeceu en sede parlamentaria.

A valedora chegou a presentar a súa "abstención" durante o proceso e delegou a resolución final do concurso en Pablo Cameselle, iso si, despois de que estivesen definidos os criterios da convocatoria e de que se presentaron os candidatos.

De feito, na súa comparecencia en xullo de 2018 —tras coñecerse o fallo do TSXG—, a valedora admitiu que na resolución de abstención "non especificou a causa concreta, debido a que consideraba que era de público coñecemento que é discípula académica do pai dunha das persoas que concorría".

APOIO DE FEIJÓO

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a decisión da valedora do Pobo, Milagros Otero, de dimitir. “Fai algo que lle honra”, dixo, aínda que saíu en defensa de Otero e destacou que non foi ela a que asinou o decreto para a contratación da sobriña de Fraga. Ademais, tamén puntualizou que a setenza do TS “non entra no fondo” e “non se pronuncia” sobre ese suposto caso de enchufismo, aínda que o alto tribunal rexeitou o recurso presentada pola valedora.

Feijóo dixo que a "calquera departamento" do Valedor do Pobo "que tivese algo que ver" coa contratación da tamén irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lle corresponde "poñer o seu cargo a disposición" da Cámara, tras o cal "corresponde aos grupos iniciar conversas para un eventual novo nomeamento", por unha maioría de tres quintos.

Con todo iso, o presidente da Xunta lembrou que o Tribunal Supremo, coa non admisión do recurso de casación presentada pola institución dirixida por Otero contra a decisión do TSXG, o que fai é "non pronunciarse" sobre a contratación, senón que "di que non é materia de suficiente calado como para casar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 sermos mantidos

Outr@ valedor@ do Partido Podre vaise colocar no seu posto para que a mafia continúe a explotarnos. E o PsoEspañol, as Mareas e o BNG colaborando, dicindo que chove! Pois, como tantas veces escoitamos da Pilar García Negro, do Tuco Cerviño ou do Villares, "no PP tamén hai honrados". Os colaboradores necesarios dos Valedores do PP, do Consello de Contas do PP ou na manipulación da CRTVG do PP. Todos a chupar, participando no reparto das migallas, colocando aos seus, todo pola pasta!!!

4 lostrego

Qué "miragre"! Un cargo público que dimite.

3 Zum Bom

A proba evidente que amosa que nunha sociedade inculta, ignorante, atrasada..., unha institución de orixe nórdica (ombudsman) pois é igualmente o reflexo cuspidiño desa sociedade.

2 Daiqui

E a "Dinastía Baltar" non se dá por aludida??

1 anonimo

Señora, vostede non ten dereito a "vincular" nada, o que ten é un manchón no expediente, ou non se decatou aínda?