Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 04/12/2011 | Actualizada ás 11:51
O público ateigou o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se celebra o Culturgal, dende primeira hora da mañá. O sector da Cultura en Galicia xera, segundo datos oficiais, 17.500 traballos, o 2% do PIB e 17.500 empregos. Unhas cifras levemente superiores a, por exemplo, o sector naval e o da construción de automóbiles en Galicia.
Na xornada do sábado desta Feira das Industrias Culturais, as familias facían cola antes da apertura de portas, ás 11h, para anotar os nenos e nenas aos obradoiros da cociña infantil e de maquillaxe, nos que participaron máis de cen pequenos. Chea de público familiar estivo, tamén, o contacontos con ilustración en directo de Vou ter un irmán que ofreceron María Solar e Xosé Tomás. As actividades para os máis pequenos seguiron ao longo da tarde, dende O guiso de Matreska, ás 17h30, ata os Contos da xanela, ás 20h.
A música comezou ás 11h30, co jazz de Alberto Vilas Quinteto no Patio. Despois, Combo Dinamo ofreceu a perfecta mestura pop de Quieto, muere, resucita e de seguido lle tocou á Banda Crebinsky, que ofreceu un concurridísimo showcase para presentar o DVD da película. Entre medias, Terbutalina ofreceron unha dose da súa música divertida e irreverente nun lugar único: os baños do Pazo da Cultura. Un concerto sorpresa que de non pasou desapercibido entre o público máis novo da feira.
O programa literario arrincou coa presentación de Onde mercan os larpeiros e da colección de “Cociña infantil e familiar” de Ouvirmos, dous bos exemplos de proxectos que combinan cultura e gastronomía. Entre medias, 2.0. Editora presentou o seu proxecto editorial e os autores de Criaturas presentaron o libro baseado no programa da TVG. As novelas xuvenís Dragal I e II, de Elena Gallego, pecharon a programación literaria da mañá. Pola tarde, chegou o turno do xogo literario e teatral Collage, do colectivo da Porta Verde, a Guía de libélulas de Galicia, o Nómades de Xosé Tomás e de dúas das conversas de salón máis esperadas da Feira, as que manterá o xornalista pontevedrés Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda e con Domingo Villar e dous novos autores de novela negra: Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada.
Finalmente, xa pola noite, Os da ría conduciron o Culturgal aEscena, un espectáculo multidisciplinar no que tamén participarán Davide Salvado, P&G Circus, Ke-percusión, La Macana e Chévere.
Velaquí unha mostra do ben que se pode pasar na Feira das Industrias Culturais:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.