‘Teñamos a Festa en Paz’, lema da Festa do Boi 2019

A Asociación Cultural Xan de Arzúa, organizadora da Festa, xunto coa Área de Igualdade do Concello de Allariz, traballan conxuntamente por unha festa libre de violencias e en convivencia.

Por X.M. Fernández | Allariz | 11/04/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Os organizadores da Festa do Boi teñen claro que a convivencia cordial e pacífica teñen que ser as ferramentas básicas para o entendemento e a comunicación entre persoas diversas.

Festa do Boi, en Allariz
Festa do Boi, en Allariz | Fonte: turismodegalicia.org

Segundo explican dende a asociación “esta boa convivencia, característica principal en todas as edicións da Festa, fai posible que despois de décadas, se manteña máis viva ca nunca”.

A Área de Igualdade, como parte dos seus principios, exclúe as violencias dos seus eventos e rexeita firmemente os comportamentos machistas e os que traen consigo algún tipo de violencia.

A convivencia sen violencia ten que ser a base de toda relación en sociedade e tamén unha das principais características da Festa do Boi, onde o ben común prevalece por enriba de todo co fin último de conseguir que a festa sexa festa. Segundo manifestan os organizadores, "aínda que xa deberiamos ter esa conciencia de divertimento sen violencia cómpre lembralo e repetilo as veces que faga falta".

A poboación de Allariz participa sempre activamente de forma desinteresada na organización desta festa, máis de cen persoas colaboran nos traballos previos ao evento, máis de seiscentos veciños e veciñas conviven na procesión medieval e máis de dous mil comparten espazo na cea popular.

A traxectoria da Festa do Boi demostra a boa convivencia, sendo a tónica habitual que non haxa incidencias durante os nove días que dura a celebración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta