Lemas

Empezada a campaña para as decisivas eleccións xerais do 28 de Abril, coñécense os lemas das distintas formacións. Unha análise superficial revela bastante da estratexia de cada partido.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 17/04/2019

Comparte esta noticia
“Valor seguro” é o lema do PP. Non parece demasiado acaído tendo en conta a exclusión das listas dos dirixentes máis experimentados do Partido Popular e o cuestionable currículum vitae do seu candidato. “Valor seguro” podería ser un slogan perfecto para Núñez Feijoo tendo en consideración a súa traxectoria en Galicia onde gañou mesmo cando ninguén contaba. 
O lema do PP explícase cando un pensa nos destinatarios da mensaxe. “Valor” é unha palabra apreciada por aqueles que teñen precisamente algo de valor, un mínimo de riqueza, colectivo afín ás opcións localizadas na dereita. O termo pode vincularse tamén aos “valores” tradicionais que defenden os partidos conservadores. E é un “valor seguro” en contraposición á alternativa de Ciudadanos que segue a representar unha incógnita tanto polos poucos anos de existencia como pola súa, digamos, inestabilidade ideolóxica. 
 
O PSOE escolleu un lema dobre: “Fai que pase” máis “A España que queres”. A diferenza do PP, os socialistas colocan o foco da mensaxe do votante. Ti, como cidadán, vas facer que ocorra, vas conseguir que o PSOE gañe as eleccións e forme goberno. Deste xeito, lograremos a España que ti queres, a España progresista, solidaria e diversa pola que apostamos en contra da reaccionaria, centralista e sectaria que persigue a dereita. 
 
Por continuar na orde actual de representatividade no Congreso, Unidas Podemos utiliza un impreciso “La historia la escribes tú”. A súa apelación ao cidadán é aínda máis intensa cá do PSOE e dalgún xeito busca recuperar a complicidade de movementos sociais coma o 15M ou o 8M, ademais de reincidir no carácter histórico que supuxo no seu momento a formación de Podemos con independencia dos mellores ou peores momentos que estean a pasar. 
 
Xa sabemos que, a diferenza dos comicios anteriores, En Marea concorre en solitario. O movemento deixa a impresión de fracaso, de experimento baldío. O certo é que a formación ficou esluída no grupo de Podemos. A marca galega sempre tivo problemas para visibilizarse, non conseguiu colocar os problemas de Galicia na axenda do Congreso e, xa que logo, tampouco pode presentar logros relevantes. Nada disto reflíctese na publicidade de En Marea cuxo lema, “Ti decides”, segue curiosamente a liña do escollido por Unidas Podemos. Engade “en marea contigo” como querendo insinuar que onde vaias ti, irán eles. Os prognósticos non lles son favorables e moito temo que a campaña pouco vai facer para acadar uns resultados mellores dos previstos. 
 
O lema de Ciudadanos é sinxelo: ¡Vamos! Cara a onde, habería que preguntarse. E con quen. Non resulta fácil analizar o que hai detrás dun slogan tan coral e manido. Se cadra, a falta de ideas, a perda de momentum e de lugar. Sería como dicir: “veña ho, déixate de lerias e tira para diante”. 
 
Que dicir do BNG? O seu lema para estas eleccións soa a vello: “Agora Galiza”. Coido que ademais ten un problema básico de comunicación. O BNG continúa utilizando un termo que leva décadas fóra da linguaxe das galegas e galegos. Ninguén agás os propios representantes do BNG chama Galiza ao país; ninguén. De feito, nin eles mesmos cando se relaxan. Coido que a formación nacionalista precisaba algo distinto que reflectise a ilusión dos regresos. Que trasladase á xente do país que están de volta dispostos a demostrar que son imprescindibles para o futuro –e o presente tamén, xaora!– de Galicia. Por dicir algo: “Aquí estamos. BNG”. 
 
Se un lema puidese representar o sentir da xente, quizais o que máis aceptación xeraría sería “En Marea BNG” ou, o que é o mesmo, “BNG En Marea”. Malia a situación de emerxencia, Galicia amosouse incapaz de artellar unha voz común. “Así nos vai”. 

Pegada de carteis de En Marea no inicio da campaña electoral das xerais
Pegada de carteis de En Marea no inicio da campaña electoral das xerais | Fonte: En Marea
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego