Feijóo ao BNG: "É para estar orgullosos ao ter os mesmos votos que Vox?

Villares pide ao presidente galego que "explique" o "enchufe" no Valedor e este insiste nunha "renovación completa" da institución.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2019 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O resultado das eleccións do 28 de abril marcou parte da sesión do control ao Goberno autonómico celebrado este martes no Parlamento de Galicia. Tras a caída do PP tanto a nivel estatal como galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dixo que ve "moi nervioso e moi enfadado" ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. "Volve vostede a facerlle oposición ao bipartito. Prepárese porque é o que queda a partir do ano que vén", esgrimiu.

En termos tamén electorais, Feijóo apuntou que o Bloque, que quedou por terceira vez consecutiva sen representación no Congreso, "ten practicamente os mesmos votos que Vox" nesta Comunidade. "É para que o BNG estea orgulloso?", preguntou.

"Se vostedes cren que melloran a representación e a defensa de Galicia cuns votos similares a Vox, que está en contra da autonomía de Galicia, é evidente, como lle dixen hai moito tempo, que os extremos se tocan", esgrimiu o titular da Xunta.

En concreto, este cruzamento ocorreu durante o debate dunha pregunta da portavoz dos nacionalistas galegos sobre o que denomina a "manipulación" na Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), cun director --Alfonso Sánchez Izquierdo-- designado "a dedo" polo presidente da Xunta "cando a lei di que hai que nomealo no Parlamento".

Neste sentido, Pontón asegurou que a Xunta "boicotea" os debates electorais no ente público mentres que cando o PP estaba na oposición propúñaos". "Agora, como teñen que disimular, organizan un simulacro de debate ás 10,00 da mañá", engadiu.

Por todo isto, a portavoz do BNG levou ao hemiciclo propostas como "regular os debates electorais" na CRTVG e que se emitan "en horario de máxima audiencia", un "concurso público de méritos" para designar ao director da corporación e a creación dun consello de informativos e un estatuto dos profesionais.

A TVG, A TELEVISIÓN AUTONÓMICA "MÁIS VISTA" TRAS TV3

Tras iso, Feijóo afeou a xestión do ente cando gobernaba o bipartito, xa que entón nomeouse "a dedo" a un director e "sen consultar ao grupo maioritario" no Parlamento, que era o dos populares.

"Que vostede veña a falar de manipulación é un sarcasmo. Esta compañía está saneada e con vostedes tiñan un profundo déficit", espetou, á vez que afirmou que a CRTVG é a televisión autonómica "máis vista" despois da catalá TV3 e a canle de difusión da cultura propia "máis valorado" de España.

Durante a súa segunda intervención, Ana Pontón dixo ver ao presidente autonómico "moi nervioso e moi enfadado" e que "entende que se está recuperando da xornada electoral do domingo". "Non pasa absolutamente nada, volve vostede a facerlle oposición ao bipartito. Prepárese, porque é o que queda a partir do ano que vén", proseguiu.

Feijóo, quen admitiu "non estar feliz" cos resultados do PP nos comicios, insistiu en felicitar ao PSOE pola súa primeira vitoria en Galicia. "Esa é a diferenza entre un partido democrático e o BNG. Hai que felicitar aos que gañan", proseguiu.

DEBATE CON EN MAREA SOBRE A VALEDORA

Por outra banda, Feijóo tamén protagonizou un debate co portavoz de En Marea, Luís Villares, quen lle pediu "falar claro e explicar á cidadanía por que" a institución do Valedor do Pobo, con Milagros Otero á fronte "enchufou" a María Puy Fraga, irmá do portavoz do PP no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, e sobriña do expresidente da Xunta Manuel Fraga.

Esta intervención prodúcese semanas despois de que o Tribunal Supremo (TS) desestimase un recurso interposto polo Valedor a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola que se anula o nomeamento. Precisamente, este luns houbo unha votación na Cámara autonómica para cesar a Otero como valedora na que a abstención do PP e un voto en contra --sen identificar, xa que se realizou de forma secreta e en urna-- non permitiu a destitución.

Sobre o voto en contra, Villares preguntou a Feijóo se non sería el ou "o seu subconsciente, afeito xa a prácticas caciquiis", ao que o titular da Xunta replicoulle que "non pode dar clases case de nada", e menos "sobre a unidade" do grupo parlamentario.

Ademais, o portavoz de En Marea puxo encima da mesa a investigación aberta contra o director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, quen esta semana debe declarar como investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental na reapertura da mina de San Finx, en Lousame (A Coruña). "O seu Goberno non falou de destituílo", espetou a Feijóo, mentres que apuntou que o PP "vetou" na xunta de portavoces a comparecencia do conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Neste sentido, o presidente da Xunta acusou ao maxistrado lucense en excedencia de "non saber o que é" a presunción de inocencia e garantiu que Tahoces "comparecerá" sen "ningún temor" porque non hai "nada que ocultar".

"RENOVACIÓN COMPLETA" DO VALEDOR

Respecto do asunto da valedora, insistiu en descartar deixar "baleira" esta institución --razón pola cal os populares non apoiaron a destitución de Otero-- e propuxo unha "renovación completa" do Valedor porque foi precisamente o número dous desta institución, Pablo Cameselle --proposto polo PSdeG--, quen "asinou o nomeamento" anulado polo TSXG.

Non en balde, acusou ao portavoz de En Marea de ditar sentenzas "contra o Goberno da Xunta" desde o alto tribunal galego unha vez xa sabía que ía ser candidato á Presidencia autonómica. No entanto, ditos fallos, segundo Feijóo, foron "reformados na súa maior parte" polo Supremo.

"Respectaremos a independencia xudicial aínda que vostede siga neste momento nesta independencia xudicial que eu nin creo nin comparto. (...) A excepción é vostede e a regra é a independencia xudicial", espetou a Villares.

Feijóo fala con Ana Pontón durante un debate electoral
Feijóo fala con Ana Pontón durante un debate electoral | Fonte: CRTVG

28A.- Feijóo Cre Que 'Ninguén Se Pode Fiar' De C's Tras Fichar A Garrido E Apela A Formar Un Goberno 'Previsible'. XUNTA
28A.- Feijóo Cre Que 'Ninguén Se Pode Fiar' De C's Tras Fichar A Garrido E Apela A Formar Un Goberno 'Previsible'. XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Anonimo 2

Feijóo em o seu papel, de chefe da oposição, ... , que peninha, ainda que tenha razão. O resultado do BNG é um fracasso!

1 Encrobe

O amigo entrañable dun narco, cómplice de mortes na sanidade, lumes másivos no país, lixo nas rías, emigración de milleiros de mozos, castrdor do galego na educación, censor dos medios públicos de comunicación e padriño dos privados dando leccións de ética e saber perder... Hai que botalo!