Adolfo Domínguez obtén un resultado positivo por primeira vez en sete anos

A firma galega sae adiante "sen diminuír o patrimonio neto nin debilitar a posición da empresa". Na súa aposta por "volver ás orixes" cambia os seus procesos de deseño e modo de traballo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2019 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O grupo Adolfo Domíguez logra saír adiante cun resultado operativo positivo por primeira vez en sete anos e "sen diminuír o patrimonio neto nin debilitar a posición da empresa", declarou a conselleira delegada, Adriana Domínguez. A compañía "volve ás orixes", destacou, cambiando por completo os seus procesos de deseño e o seu modo de traballar. Deste xeito, retrotráese ao que Adolfo Domínguez significou nos anos 80, "unha verdadeira revolución cultural que propuxo unha nova forma de vestir", explicou Adriana Domínguez durante a presentación dos resultados levada a cabo este martes en Ourense.

A firma téxtil caracterízase pola súa aposta pola moda de autor e optou por agruparse ao redor dunha soa marca. Precisamente, o pasado mes de marzo lanzaban unha edición limitada, "a primeira colección confeccionada por completo no atelier de Ourense despois de 20 anos", manifestou Adriana Domínguez. Unha colección que entronca co concepto 'gender fluide' (xénero fluído) e que "contacta co que está a suceder na sociedade e axuda a avanzar neses novos valores", sinalou a conselleira delegada. Nesta edición limitada tamén volveron ao liño e a outros tecidos que facía anos que non empregaban.

Por parte da compañía teñen moi claro que "hoxe e sempre as marcas teñen que adaptarse ao que o cliente quere". A esta máxima achacáronlle o éxito dos complementos de Adolfo Domínguez que incrementaron as súas vendas nun 28,8% nun ano. Entre as novas estratexias levadas a cabo pola compañía tamén se atopan a recentralización dos servizos en Ourense e un novo concepto de tenda cunha arquitectura aberta e luminosa. "As épocas cambian e as nosas tendas ilumínanse con elas", explicou Adriana Domínguez.

RENOVACIÓN DA DIRECTIVA

Desde xullo de 2016 a compañía destaca por renovar por completo o comité de dirección, así como por contar cun consello de administración modificado na súa práctica totalidade. Ao fío destes datos, a conselleira delegada do grupo enorgulleceuse de poder afirmar que o consello de administración está composto por un 63% de mulleres, mentres que no consello de dirección lograron alcanzar a paridade.

OURENSE (Adolfo Domínguez)
OURENSE (Adolfo Domínguez) | Fonte: Europa Press


INTERNACIONALIZACIÓN

Entre os fitos da marca nos últimos anos destacan a apertura a novos mercados como, por exemplo, a Rusia no mes de marzo de 2018 e a chegada a Australia en xuño dese mesmo ano. "O 52% das tendas de Adolfo Domínguez están fóra de España", explicou Adriana Domínguez.

As últimas campañas da firma téxtil son outros dos seus grandes éxitos. Entre elas destacan o lanzamento de 'Sé máis vello'. Adriana Domínguez definiu esta campaña como "unha forma de entroncar cun das grandes lemas da compañía: 'A engurra é bela'. A reinvención dun dos slogans fetiches da firma que se alzou co Gran Premio Nacional de Creatividade 2019.

Á súa vez, tamén consideran que "o consumo sustentable é moi importante", por iso é polo que apostan por "unha moda atemporal e máis duradeira", indicou a conselleira delegada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pitito

Carros nos costou ao peto dos galegos que obtivese beneficios. Millons a fondo perdido que lle regalou a Xunta de cartos publicos galegos, e ainda asi falan como o neno de Feijoo, en castelan

1 Sara

Esa empresa que fai publicidade en Catalunya en catalán e en Galiza en español?