O Coiro, protagonista en Allariz

Do 3 ao 6 de maio desenvolverase na vila do Arnoia unha nova edición das Xornadas dos Oficios do Coiro.

Por X.M. Fernández | Allariz | 03/05/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Este interesante encontro temático xunta a profesionais, estudantes e afeccionados en diferentes disciplinas ao redor do noble oficio do tratamento e transformación do coiro. No marco da sétima edición realizaranse obradoiros, demostracións, exposicións e charlas que terán lugar en diferentes espazos da vila.  

Museo do Coiro en Allariz. Foto: XMF
Museo do Coiro en Allariz. Foto: XMF

O 3 de maio, ás 20:30h na sala “A Paneira” inaugúrase a exposición “Cada un ve o que sabe” de Juan García Olmedo (Córdoba), unha colección de pezas tridimensionais realizadas coa técnica de “cuir bouilli” (coiro cocido) e terminadas coa utilización de texturas, cor e epigrafías características da súa obra. Esta exposición estará aberta ata o día 25 de maio.

Na sala de exposicións A Fábrica realizaranse actividades formativas, durante os días 4 e 5 varios profesionais do sector impartirán obradoiros prácticos nos que se poden descubrir as múltiples posibilidades deste material: trenzados, labrado e estampado, modelado con area, tinxido con aerógrafo ou costuras con tireta será a proposta formativa.

Nesa fin de semana, o Patio do Museo do Coiro, a carón do río Arnoia, converterase en escenario de diversas actividades como o mercado de ferramentas, produtos e publicacións relacionados co sector e un espazo de intercambio de coñecementos, técnicas e trucos chamado “A Mesa”“O escaparate das novidades”, onde os/as asistentes mostrarán os seus últimos traballos.

No mesmo lugar o día 4 de maio ás 20:30 h. terá lugar unha charla baixo o título “Coiro: Do antigo ao actual” a cargo de Franklin Pereira (Braga, Portugal) e presentarase a instalación “EMparrAO”. Esta mostra que se poderá visitar ata o 25 de maio formou parte da Exposición “Curtidas” na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo durante o primeiro trimestre deste ano, e trátase da posta en práctica dun mesmo patrón de 133 maneiras diferentes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Allariz mola moito. E fan unha chea de cousas sempre.