Lídia Senra quedaría fóra do Parlamento Europeo e o BNG accedería grazas a Bildu e ERC

O CIS só dá escano directo aos galegos González Casares (PSOE) e Millán Mon (PP). A coalición na que participa Compromiso por Galicia acadaría un escano.

Por Europa Press / Redacción | TOLEDO | 09/05/2019 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) proxecta a vitoria do PSOE nas eleccións europeas do próximo 26 de maio e outorga escano aos galegos Nicolás González Casares (PSOE) e Francisco Millán Mon (PP). Concretamente, a enquisa predí entre 17 e 18 eurodeputados para os socialistas e entre 11 e 12 aos populares, o que sitúa na Eurocámara a ambos os candidatos, que concorren en senllas listas no posto número oito.

Europarlamento, o Parlamento Europeo en Bruxelas
Europarlamento, o Parlamento Europeo en Bruxelas

Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda (BNG), que é a número cinco da candidatura Agora Repúblicas (xunto a ERC e EH-Bildu) quedaría sen escano de forma directa, pero si tería representación ao longo da lexislatura, como xa ocorreu nesta que agora termina.

Segundo os datos do CIS, a candidatura 'Agora Repúblicas' que agrupa a ERC, Bildu e BNG, obtería tres escanos con entre un 5 e un 7 por cento dos votos da lista que encabeza Oriol Junqueras, en prisión provisional polo 'procès' independentista.

Os tres escanos deixarían en mellor situación á coalición --suman, iso si, os tres xa logrados por separado na anterior lexislatura--, que ten o compromiso de que as tres principais forzas políticas poidan asumir o escano de forma proporcional aos seus votos durante a lexislatura. Desta maneira, estes resultados outorgarían ao Bloque a posibilidade de acceder de forma directa ao Parlamento Europeo moito antes que neste mandato, segundo as fontes nacionalistas consultadas.

Ademais, o CIS proxecta para a Coalición por unha Europa Solidaria (PNV, Geroa Bai, Compromiso por Galicia e Coalición Canaria) un deputado. Neste caso, tal e como confirmaron fontes da formación galega, o escano non ten carácter rotatorio, pero o acordo de coalición si outorga a capacidade directa de presentar iniciativas na Eurocámara a Compromiso por Galicia, como nesta lexislatura pasada, na que superaron as 80.

De confirmarse os datos do CIS, a coalición Compromiso por Europa, que agrupa a Compromís, En Marea e a Chunta, quedará sen escano, o que deixaría fóra a Lídia Senra. En 2014 Compromís e CHA concorreron xunto a Equo e lograron un eurodeputado.

A eurodeputada galega acudiu nas pasadas eleccións europeas na coalición Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), que sumou a Anova e Esquerda Unida, cando aínda non existía En Marea e Podemos presentouse por separado. Agora os socios de En Marea dividíronse e a candidata ás europeas, que se aliou coa dirección de Luís Villares, podería perder o seu escano se se cumpre este prognóstico.

Así, aínda que o escano desta coalición sería rotatorio no caso de que os seus principais socios non lograsen representación directa nas urnas, o CIS deixa completamente fóra a todos eles da Eurocámara, polo que tampouco se daría esta posibilidade.

Tampouco lograría escano nas urnas a ex-senadora galega e candidata número dez nas listas de Unidas Podemos, Vanessa Angustia. A aspirante --membro de Esquerda Unida-- tamén concorreu nas xerais do pasado 28 de abril para a Cámara Alta, pero non revalidou.

PSOE E PP

O PSOE será o partido máis votado en España nas eleccións europeas do día 26 de maio, con entre o 29 e o 31 por cento dos votos e logrará entre 17 e 18 eurodeputados, segundo a enquisa publicada este xoves polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

O CIS dá ao PP o segundo posto, cun 18-20 por cento dos votos e 11 ou 12 escanos no Parlamento Europeo. En terceiro lugar a enquisa arroxa case un empate entre Ciudadanos, co 14-16 por cento de votos e 8 ou 9 escanos, e Unidas Podemos Cambiar Europa co 13-15 por cento e 8 escanos.

A sondaxe prevé a entrada de Vox na Eurocámara con entre o 7 e o 9 por cento dos votos e 4 ou 5 asentos e que consiga escano o ex-presidente da Generalitat Carles Puigdemont.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

3 Ostend

Senra é unha vergoña pra Galiza. As súas ocorrencias e tolemias van recoller o que merece: nada. A única eurodeputada galega é e será Miranda, exemplo de nacionalista galega e orgullo pra tod@s @s patriotas galeg@s.

2 Bernal Calvo Delaciga

Lidia pagará caro as traizóns e deslealdades á xente que a apoiou en 2014. Estaralle moi ben.

1 Gamela

https://www.boe.es/boe/dias/2019/04... Esta é a lista auténtica do BNG-AGORA REPÚBLICAS 1. Oriol Junqueras 2. Pernando Barrena 3. Diana Riba 4. Jordi Solé 5. Ana Miranda ¿Apostamos algo a que no mellor dos casos Ana Miranda non senta no Parlamento? Se tal igual lle dan un cargo de asesora para que mova os papeis da coalición!

1 Un galego

Tu estás obsesionado. Si, vai sentar no parlamento e ademais é dos poucos galegos que vai facelo e a única que de verdade vai representar este país (Galicia).

2 Gamela

Obsesión a que ten a ANC por controlar a producción eléctrica de Galicia: https://www.lavanguardia.com/econom...

3 Cabanês

Penso que deverias ler de novo a notícia, nomeadamente a parte na que fala de que o escano é rotativo de forma proporcional ao número de votos

4 Gamela

Rotativo ¿qué escano? Dous escanos rotando entre cinco? Tres escanos rotando entre sete? Rotativo xa, xa veremos como remata o conto! Galeuscat foi tamén unha boa ROTACIÓN para sentar en Bruxelas ao señorito Ignasi Guardans lembras?