Arturo Noguerol

No calendario das efemérides do nacionalismo/galeguismo non aparece cos seus merecementos Arturo Noguerol.

Por Xosé Glez. | Redondela | 25/01/2012

Comparte esta noticia

Un personaxe senlleiro na contrución da identidade galega no primeiro terzo do século XX. Para os nacionalistas de hoxe só Castelao e Alexandre Bóveda semellan ter méritos para seren obxecto de reiteradas homenaxes e lembranzas. Un reducionismo absurdo e perigoso polo que ten de esquecemento da pluralidade de voces que ten a nosa tradición identitaria. Otero Pedrayo ofrécenos no seu “Libro dos amigos” unha nómina de homes de probado galeguismo que co seu maxisterio e acción política ou cultural puxeron os alicerces da Galicia que hoxe temos. Aínda son ben deles os militantes do nacionalismo -político,cultural e sindical- de hoxe que descoñecen a moitos protagonistas desa tradición. 

 
Arturo Noguerol é un deses activistas do galeguismo da preguerra que permaneceu arrombado no silencio da memoria. Unha actitude incomprensible se temos en conta que foi unha peza fundamental na historia de Galicia, na articulación do discurso político da reivindicación  da nación. Sen o seu entusiasmo e implicación  os máis importantes proxectos do galeguismo  de comezos do século XX non se terían  materializado. Ramón Otero Pedrayo detalla e louva os seus méritos:  Noguerol foi no galeguismo o arbitrista, o finaceiro, o home das trazas e recursos precisos para sacar adiante unhas eleccións, a edición dun libro, a carreira dun rapaz de proveito.
 
A Fundación Lois Peña Novo  foi a única entidade cultural que hai varios anos recuperou do esquecemento a figura deste intelectual das Irmandades da Fala, editor das revistas “Nós” e “La Centuria” que tanta importancia tiveron na construción do pensamento do galeguismo do seu tempo. Noguerol participou activamente na organización das distintas asembleas nacionalistas celebradas en Monforte e Lugo, na organización dos “Ultreia”, xunto con Álvaro das Casas. Foi tamén un activo militante do agrarismo. O seu pensamento político evoluíu a medida que se implicaba nos procesos sociais, e un dos máis decididos partidarios do iberismo, articulado a través dun Estado federal. A súa filosofía política abranxía os aspectos máis variados, tales como reclamar para o autogoberno de Galicia a facultade de lexislar sobre asuntos sociais. Consideraba que estes só se poderían resolver no marco competencial do estatuto de autonomía.Preocupóulle  o atraso económico de Galicia e nomeadamente o do agro galego para o que reclamaba medidas revitalizadoras, e a necesaria industrialización de Galicia.
 
Como a todos os intelectuais da súa xeración obsesionábao o futuro da lingua galega. Consideraba que o noso idioma era apto para expresar coñecementos científicos nun tempo no que os seus falantes eran as clases populares, fundamentalmente os labregos. Por iso publicou estudos xurídicos, filosóficos, sociolóxicos  e económicos en galego. Por entón xa chamaba a atención que nos nosos cemiterios os epitafios rezasen unicamente en castelán con este razoamento: “Para comunicar os afectos do espírito cómpre empregar a lingua do berce, a lingua dos avós, porque estendendo o idioma estendemos a Patria”.
 
O próximo día 31 a Irmandade Xurídica Galega  e o Concello de Ourense renderanlle unha homenaxe  a este profesional do Dereito que tamén exerceu durante varios anos de fiscal sustituto da Audiencia Provincial de Ourense, co descuberta dunha placa na fachada da casa núm.12 da rúa P.Feijóo. Posteriormente presentarase no Centro Cultura da Deputación Provincial o libro “Ética e estética de Arturo Noguerol” da autoría de Fernando Román, o seu biógrafo, que recolle a densidade do pensamento e a acción dun funcionario da administración local que foi “paseado”  o 12 de setembro de 1936 no concello de Serantes do que era secretario xeral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA