“Galiñiña”, que perdeches?

Cando se fala das privatizacións de elementos sociais (educación, sanidade, dependencia, oficinas de emprego, seguridade social...), debátese moito en termos económicos, viabilidade, xestión, beneficios..; pero o realmente importante é a súa acción de control da cidadanía, da súa vida e pensamento. Marías Santísimas (poñan vostedes os nomes), na Galiza, privatizan a educación infantil de cero a tres anos, as garderías, acabando coa marca Galiñas Azuis (''sin ideología de serie''); ao final nin iso van deixar, nin a referencia formal, logo serán pasado e as chamadas Galescolas, prehistoria.

Por Francisco López | A Coruña | 24/01/2012

Comparte esta noticia

Unha gran xogada de bo márketing e de des-memorización. Din que é para encher os petos dalgún amigo-a (de paso,si) e ademais (tamén de paso), colocan un xendarme -a empresa privada lucrativa- que lles garante conseguir o seu fin, que ao meu ver (a mirada dun ninguén) non é outro que o desmantelamento do modelo educativo das Galescolas baseado no respecto, na laicidade, na solidariedade, na cooperación, nos valores humanos, centrado no entorno local social e familiar e no uso da lingua propia como normal de comunicación.

 
Os educadores/as terán que someterse aos métodos e ideario da empresa adxudicataria  e á compracencia dos “colocadores” das chamadas empresas de traballo temporal. Aí “han de ter”, eles, os de sempre,  un “amiguiño” ao que recomendar.
 
A partir dese tempo, a educación infantil -á que ten dereito a cidadanía- estará en mans da precariedade, do enchufismo, da falta de pluralidade, da moda, na competitividade, na uniformidade de conciencias, para conformar unha infancia e, por medio dela, repercutir nas familias.
 
A perda do proxecto educativo das Galescolas-Galiñas Azuis, así como a súa desaparición como proxecto social, é un atentado á liberdade e ao dereito á educación dos galegos/as. Ante as dificultades económicas manifestadas pola Administración en Galicia con respecto á educación infantil de cero a tres, uns representantes da cidadanía dignos de ser deben promover a creación de alternativas non lucrativas que, en colaboración conxunta coas familias e educadores, favorezan unha solución propia, galega, universal, democrática, plural, social e participativa.
 
Se cadra, de continuar o desleixo social, veremos como as escolas infantís, feitas cos cartos de todas e todos, estarán nas (santísimas) mans de quen garante os puros valores de educar na moral e bos costumes, para maior gloria da dereita, única depositaria da verdade eterna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA