A destempo

Pobre de min! Non caera na conta de que a sociedade (ao cento por cento) está dividida entre sociatas e peperos, entre separatistas e hiperespañoles (unionistas), entre xente de ben e de mal.

Por Francisco López | A Coruña | 05/03/2012

Comparte esta noticia
Pero caín da burra, carallo, cando me abriron os ollos nos medios de comunicación, mostrándome como os rapaces e rapazas de Valencia eran “socialistas e/ou de esquerdas de mal vivir”, cabreados co PP, que ao parecer tiñan calefacción pero que como toca-pelotas, en vinganza, non lles daba a gana de usala.
 
A falta de educación destes estudantes (que anda fatal segundo o Sr. Wert) obrigou a xefa da Policía e delegada do Goberno do PP en Valencia, dona Paula, a aplicar “o sentido común” (do PP do Sr. Rajoy) recollido no refraneiro popular de que la letra con sangre entra e quien bien te quiere te hará llorar.
 
Claro está que -non podía ser doutro modo- ante a “horda de guerrilla urbana e chusma estudantil” consentida polas malas familias e peores profesores-as, os defensores da liberdade, en auxilio da xente de ben, víronse na obriga, en deber e disciplina, de cargar contra os revoltosos; naturalmente, polo ben de todos.
 
En fin; que para poder ter opinión e pensar, hai que facer caso de quen ten esa facultade ben desenvolvida, como a dalgúns opinantes ou “tertulianos”, na súa maioría funcionarios de carreira de alto nivel (grupo A1, pagados polos impostos, amais da gratificación de opinador) e a do noso “tutelado” grande presidente (funcionario rexistrador da propiedade) cos seus grandes ministros.
 
Xa se sabe que o ninguén só acerta por casualidade, e por culpa deses “roxos” (esquerdistas-separatistas) de merda (con perdón) que o enganan... sempre erra.
 
Agora entendo como cada vez estamos (os ninguéns) máis libres e menos intoxicados, polo peche necesario de perniciosos xornais como Xornal de Galicia, Galicia Hoxe e A Nosa Terra ,en Galiza ou Público en España.
 
As miñas xenuflexivas grazas e parabéns a Eses que cada día fan que o Ceo sexa máis próximo, e aos meus queridos “anxos da garda”, pola súa responsábel meditación protectora de folgas e demais males.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA