A marcha de Fefa Noia abre un novo período de incertezas no Centro Dramático Galego

A Asociación de Actores esixe á Xunta que a súa saída non traia a "parálise" ao CDG e lembra a súa "etapa convulsa" e chea de "irregularidades".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2019 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) esixiu este mércores á Consellería de Cutura que a marcha de Fefa Noia da dirección do Centro Dramático Galego (CDG), que se fará efectiva en outubro, "en ningún caso sirva de escusa para abandonar, unha vez máis ,a institución pública de teatro na parálise".

En concreto, a través dun comunicado, ha asociación afeou que isto foi o que ocorreu entre a dimisión de Manuel Guede en 2015 e a incorporación de Fefa Noia en xaneiro de 2016. "Nesa transición, o CDG non produciu ningunha montaxe. Pasaron así 18 meses sen carga", criticaron.

A maiores, a asociación confiou en que o Consello Reitor da Agadic, á hora de convocar o procedemento público de selección para suceder a Fefa Noia , "non se guíe unicamente por criterios de axilidade administrativa ou inmediatez, senón que contemple tamén as condicións necesarias para que a próxima dirección do Centro Dramático Galego poida levar a cabo a imprescindible refundación da institución de teatro público".

Isto, apunta a AAAG, coa intención de "deixar atrás a convulsa etapa de Fefa Noia", na que a institución "se viu sumida na polémica principalmente por uns procedementos de selección de elencos que, ademais de non axustarse á realidade laboral da interpretación nin á liberdade creativa necesaria da dirección de escena, rexistraron un conxunto de presuntas irregularidades".

Nestas últimas tempadas, destacan, o Centro "continuou cunha liña mínima na súa actividade, programando unicamente unha produción ao ano, cun máximo de dez intérpretes en escena". "A escasa produción propia e a baixa contratación afastan a realidade actual do CDG do seu pasado e do que debe ser un auténtico centro dramático", indican.

Por outra banda, engade a asociación, "as xiras de distribución sufriron unha considerable diminución na súa duración e tamaño". "Todas estas características non responden as necesidades do público nin as expectativas do sector e, moito menos, ás funcións da institución, cuxa desconexión cos profesionais e cos espectadores agudizouse nas últimas tempadas", critican.

Fefa Noia deixou a dirección do Centro Dramático Galego. XUNTA
Fefa Noia deixou a dirección do Centro Dramático Galego. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta