O DOG publica a regulación da nova Comisión Interdepartamental de Saúde e Educación

Os obxectivos deste órgano son a promoción da saúde no ámbito educativo ou a coordinación das intervencións relacionadas coa protección da saúde.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publicou este martes o decreto polo que se regula a composición e as funcións da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde, un órgano previsto na Lei de Saúde que ten encomendado o desenvolvemento de iniciativas de promoción, protección e educación para a saúde, así como a coordinación das consellerías de Sanidade e de Educación, Universidades e Formación Profesional neste ámbito.

No relativo á composición da devandita Comisión, deberá contar cunha presenza paritaria de mulleres e homes, así como das consellerías en materia educativa e sanitaria. Entre as súas funcións, estará a coordinación dos recursos existentes para conseguir unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo ou a coordinación das intervencións relacionadas coa protección da saúde, en particular, as orientadas á seguridade alimentaria e á protección fronte aos riscos ambientais.

"A promoción da saúde e a realización de programas para a atención do alumnado con necesidades especiais son aspectos fundamentais na actuación deste órgano, que ten unha consecuencia directa no profesorado, nos alumnos e nos pais dos estudantes", subliñou a Xunta nun comunicado.

LIÑAS DE ACTUACIÓN

O decreto marca tamén as liñas de actuación da comisión, como a coordinación de recursos para a promoción da saúde nos centros educativos mediante intervencións relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva, a saúde mental, os hábitos de vida saudables e a prevención das distintas adiccións.

Ademais, establece a coordinación e o traballo conxunto en programas relacionados co alumnado con necesidades especiais de saúde, no que se refire a enfermidades crónicas, a saúde mental, a trastornos de conduta alimentaria, a trastornos do espectro autista e a outras enfermidades que impliquen dificultades de aprendizaxe.

Centro de Saúde do  Casco Vello de Vigo
Centro de Saúde do Casco Vello de Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta