“Hai que construír dende abaixo”

GC entrevista a Beiras, líder dos irmandiños que acaban de saír do BNG. A ideoloxía e os protagonistas da nova forza que propón o EI son dous dos puntos que debullamos co político no seu despacho. Vídeo no interior.

Por Walter Burns | Aguiar (Brión) | 16/02/2012 | Actualizada ás 21:28

Comparte esta noticia

None
Vídeos de Paco Gallego

 Atopar a Reboraina de Aguíar en Brión e entrevistar a Xosé Manuel Beiras son dous desafíos. Aos seus 75 anos, o coordenador do Encontro Irmandiño é un conversador incansábel, quen de esgotar as baterías de calquera gravadora e as neuronas de calquera informador incauto.

Amábel pero serio, Beiras non se molesta cando se lle piden explicacións pola escisión, pero prefire mirar para adiante. "O BNG é pasado", argumenta. Sentado no seu despacho, combate o resfriado cun chupiño de Porto e certa dose de retranca.

Vostede é o rostro máis coñecido do nacionalismo nas últimas décadas. Vese con forzas para ser cabeza de cartel, de encabezar, de ver nas vallas das autopistas outra vez unha foto de Beiras? .

No cartel xa son moi feo, eu véxome no espello pola mañá cando me peiteo a barba. No propio Encontro, cando estabamos a negociar antes da Asemblea, dixen que "eu non sei se conto coas enerxías a estas alturas da miña vida para asumir o rol de encabezar unha candidatura a voceiro nacional" e polo tanto no eu non podía asegurar que tivese as enerxías necesarias de iso triunfar. Finalmente acordouse de todas maneiras que si, que había que traballar cun grupo ben coherente, que non gravitase todo sobre nunha persoa. Iso non foi adiante, e agora teño o mesmo plantexamento. O meu horizonte é contribuír. Unha das labores que temos que facer os veteranos na construción desta nova forza é o contrario do que fan as xerontocracias e as nomenclaturas, que están cun peso que impide que emerxan líderes novos. Hai que facer o contrario, propulsalos, senón non hai relevo na sociedade. Eu intenteino facelo no BNG. Cando eu no 93 cedo o paso a Anxo Quintana a miña intención era apoialo, el considerou que me convertía en sombra e reaccionou cun reflexo de defensa.

Os seus críticos din que o Encontro Irmandiño non acepta a democracia do BNG, que marcha do Bloque porque non gañou a Asemblea como pensaba ...

Nós non iamos a competir por un espazo de poder. Se ese fose o enfoque non habería ningunha razón para que nos fósemos, por que foi un éxito. Ninguén daba un peso porque sacáramos máis do 20 por cento. A propia UPG nas vésperas dos plenarios calculaba que non pasariamos dun 30%; sabémolo, era os cálculos que facían, incluso con ordenador. Se houbo un empate técnico, que máis éxito pode ser? Polo tanto ese resultado daría pé a que dixésemos "ben, imos continuar dentro". A cuestión non era esa, era se había un cambio de actitude. De feito, nas conversas iniciais entre o portavoz electo e o candidato á Xunta con Carlos Aymerich e comigo a actitude era, sobre todo por parte dun deles, darnos a idea de que estaba disposto a corrixir cousas. Pero claro, os precedentes indicaban que o que facían falta non eran promesas, eran feitos. E os feitos indicaban que non aceptaran até a véspera nin sequera dialogar e que foran enormemente agresivos nos debates, tanto nas asembleas comarcais como na primeira xornada do plenario, con descualificacións patentes. Non é que marchásemos porque perdéramos unha votación aberta senón porque o obxectivo non o consideramos logrado nin viábel dentro do BNG. E é moi arriscado facer o que facemos.

Fala de "comportamentos enormemente agresivos" , viuse persoalmente maltratado ou faltouselle ao respecto ás ideas dos irmandiños?

Non, eu persoalmente maltratado nesta asemblea ... É o de menos. Non estamos dispostos a continuar a falar dos agravios que reciprocamente se consideren ... Eles din que tamén foron maltratados. Iso acabouse. Nós decidimos estarmos fóra do BNG. Temos que concentrarnos agora en non darlle voltas ao que pasou. Explicacións necesarias como a que acabo de darvos, si. Pero facer as consideracións de que si maltratados ou non ... Non ten sentido, non formalizamos as baixas pero xa hai o acordo de deixalo. O BNG é pasado. O que importa é construír, tentando non rifar co Bloque, non queremos guerrear co Bloque, incluso nos acordos da Asemblea do EI facultouse á Coordinadora do EI a dialogar cuestións concretas, en boa avinza, ou se queres chamalo unha separación sen malos tratos. Nós estamos a prol da unidade de acción en temas cruciais, como as mobilizacións ... E incluso tratar de resolver razoabelmente o referido aos concellos, onde hai grupos de goberno.

Deixando atrás a Asemblea do BNG. Vostedes chamaron a crear un novo "fronte amplo", que mínimos ideolóxicos debe cumprir?

Temos unha proposta do tipo de organización e dos eixos que consideramos nos que se pode mover. Por unha banda unha organización moi plural , que poida verse representada nela unha maioría social. Dado que estamos en Galiza , somos nacionalistas. Os eixos teñen que ser na esquerda, pero na esquerda transformadora. Tamén ten que ter claro que o motor de todo o proceso ten que estar na sociedade civil, polo tanto artellar unha esquerda social cos pes na terra; e naturalmente o eixo da emancipación nacional, nos dereitos políticos do pobo galego e da identidade nacional como suxeito político e un proxecto de soberanía. A partir de aí ... Nós non queremos ser os protagonistas nin o centro de gravidade. Nós dámos un paso.

Quen lle gustaría que participase nesa nova forza?

Sabemos e percíbese que neste ano fomos logrando unha credibilidade fóra do BNG que outros sectores non teñen. Polo tanto temos certa confianza en que imos abordar este proceso sen pretensións de dominar ou controlar. Dar máis pasos en definir como ten que ser a organización sería contraditorio co que se espera de nós, de xeito que, incluso o outro día na reunión da nosa coordinadora, algún compañeiro dicía que non debiamos usar "fronte amplo" senón "novo proxecto político" porque hai xente que o da fronte sonalle a que outra vez é o Bloque e dixemos que non debe ser un Bloque bis. Queremos poñernos ir creando grupos de base que traballen abertamente, territorialmente en comarcas, abertos a todos os cidadáns e todos os que teñan interese e que participen como cidadáns sen etiquetas e por outra banda acordamos negociar con grupos organizados, sexan movementos sociais sexan grupos políticos existentes, da esquerda e do nacionalismo, fóra do BNG, cos cales levamos tempo tendo contacto e un diálogo máis ou menos intermitente. Nós non pensamos nunha organización que sexa unha mesa de partidos, non se trata de montar un mosaico cos grupos A, B e C que haxa por aí. Nos segmentos da cidadanía máis activa, como o 15M ou os que están no Foro Social Galego, o descrédito dos partidos tradicionais é grande. O deseño ten que saír do propio proceso constituínte, que ten que ir por abaixo. Non hai que empezar a casa polo tellado.

De acordo, o EI non quere presentar a idea dunha mesa de partidos, pero tamén é certo que cando anunciaron a súa marcha do BNG houbo unha serie de pronunciamentos de forzas políticas. A bote pronto, aí están os ecogaleguistas, Causa Galiza tamén fixo un comunicado, evidentemente falarán coa xente de Máis Galiza que acabe marchando do BNG e onte GC adiantaba que hai un grupo de militantes do PSOE de Vigo que marchan do PSOE. Son grupos moi diversos, dende independentistas moi de esquerdas a socialdemócratas, dende fóra parece moi difícil que grupos tan heteroxéneos poidan chegar a un pacto ...

No BNG entre 1982 e primeiros noventa integrouse un deseño plural. Dende o marxismo leninismo, a UPG, polo menos nos principios e nas invocacións que agora se reiteran, ao socialismo marxista, que procedía do PSG, ao nacionalismo de esquerda, que tamén era moi heteroxéneo, xente de Esquerda Galega e da ORTE, ao troskismo e ao maoísmo, a Liga e o MC, que constitúen Inzar e entran, e o PNG-PG, que eran de centro esquerda ou de centro dereita, era a liña do Partido Galeguista reformulada, moi aberta socialmente. Iso funcionou até que un grupo dixo que "agora temos que empezar a poñer nós as regras porque tocamos poder".

E agora?

Agora hai que inspirarse nas fontes da fundación do BNG pero non estamos en 1982. A dinámica da dialéctica conxunta debe levar a decisión correcta, un proceso plenamente constituínte, por abaixo non por arriba. Imos conversar, con novas plataformas como o ecogaleguismo, movementos que deron lugar ao nacemento de medios como Praza Pública; ou con xente que se expresa en medios como voso, ese continxente do xornalismo que non se resigna a ser servo de poderes mediáticos; ou co mundo da cultura; ou con Causa Galiza; ou coa FPG, que sempre tivo unha actitude moi correcta. Da mesma maneira que nós queremos abrir un debate sendo un entre outros, que eles fagan o mesmo, que participen no proceso a nivel de cidadáns.

O movemento cidadán na historia recente de Galicia máis importante é o 15M. Dos tres partidos do parlamento, o BNG e o máis próximo aos postulados dos 'indignados'. Pero non houbo sintonía entre o 15M e o Bloque. Porque non se deu este diálogo?

A actitude que tivo o BNG é auga pasada. É comprensíbel porque tamén se daba dentro do BNG cos que tiñamos máis ganas de reoxisenar. Nós participamos no 15M, non como o Encontro, si como cidadáns. Cando os condutos da sociedade civil están obturados, chega un momento en que a presión de abaixo rebenta e hai unha erupción. É un magma, non está cristalizado, non se lle pode pedir que teña unha organización. O que pasa é que desa pulsión, o proceso ou acaba extinguíndose ou configurándose ideoloxicamente nunha alternativa.

Existe o risco de que o 15M quede nun movemento social que non logre transformar nada, máis alá de organizar catro manifestacións ao ano?

Tal como están as cousas en Europa, no Estado e na Galiza; ou ben o poder esmaga toda pulsión de protesta da cidadanía, e estaremos nun totalitarismo de facto, ou rebenta. Entón pode darse unha situación de caos. Se a esquerda non é capaz conducir, participar, orientar e darlle un curso racional que se transforme en alternativa política e polo tanto en poder alternativo pode darse un caldo de cultivo para o fascismo, como na Italia dos anos vinte ou na Alemaña dos anos trinta. Se as forzas convencionais miran para dentro máis que para fóra, se no nacionalismo fai o mesmo, o que se producirá é esa situación de caos.

En Galicia vai afectar a nova reforma laboal, moi dura para os dereitos dos traballadores. A CIG convocou unha folga, case seguro que tamén o farán UXT e Comisións. Con quen se manifesta o EI?

Nós imos apoiar e participar, sexa a CIG ou sexa quen sexa. Dende 2009 levo dicindo que por vez primeira na historia da autonomía hai na Xunta unha brigada de demolición e de ecocidio, como non imos estar! Precisamente o que queremos é estar niso. E queremos que iso sexa asumido por sectores cidadáns que en vez de estar coordinados polas forzas políticas que debían ser vehículos diso, pois están fora, e emerxen eruptivamente. Se o BNG funcionase como nos anos 90, se o fenómeno 15 Memerxera faríao de xeito diferente. Daquela a maioría absoluta dos votantes menores de vinte e picos votaba Bloque.

Agora vota PP ...

E por que pasa iso, dáste conta? Non é para poñernos loureiros os que estabamos nos órganos de direccións, é para constatar realidades ...

Ese proxecto alternativo artellado dende a base vai levar tempo, pode que meses, e hai eleccións previsiblemente en outono. Nos comicios hai que chegar ao 5 por cento para entrar no Parlamento, vai ser moi difícil para calquera forza nova entrar na Cámara. E é no Parlamento dende onde se poden artellar políticas ...

Estamos no dilema habitual. Nos últimos doce anos a partir de que o BNG acadou unha presenza institucional, cada vez que se plantexaba que había que modificar a nosa forma de traballar coas organizacións sociais sempre había quen decía "agora non é momento porque vai haber eleccións". Agora estamos na mesma? Desa maneira non hai forma de facer as cousas, hai que cortar o nudo gordiano, ou estarás preso da dinámica que che impón o Estado.

Vídeos de Paco Gallego

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 121 comentarios

31 Riazor 1982 I

Estimado Xosé Manuel Beiras Torrado, escríboche esta carta para lembrache que na miña humilde opinión es o máis grande lider que deu o nacionalismo galego, alomenos políticamente, pois os teus resultados electorais non teñen comparanza posible cos de Castelao, Otero Pedrayo, etc. O malo foi que te atopaches con dous problemas vitais: a) o tuzarismo conservaduro e inmaduro da UPG (incapaz de dar o brazo a torcer inda que llo rompas); b) a túa propia egolatría (imputable só a ti mesmo e a algún que outro mal conselleiro aúlico). Estes dous probelmas retroalimentáronse ó longo dos anos e fixeron posible que traspasases a tenue liña vermella que diferenza un "liderazgo histórico" dun "mesianismo histérico".

1 Riazor 1982 II

Unha mágoa, por ti, por nós, e por Galiza. Afervoadamente devezo porque leras o moi interesante artigo -laudatorio e ó tempo conminatorio, pois así son os bos conselleiros- de Manolo Rivas en El País do venres 17 de febreiro do 2012 e saques as consecuencias pertinentes. Abofé que o farás. Non sei se será posible denantes das autonómicas, pero debe selo cando menos despois. Unha sincera aperta fraternal en agarda de que recapacites e rectifiques (como tamén debe facer a UPG). Saúde e Terra irmán Xosé Manuel, fillo de Manuel.

2 anonimo

todo mundo dando consellos,pronosticando. Non faciades esto antes, cando o único que diciades era que se fora dunha vez. Agora que se foi volta outra vez con el. Por que non o matades?

3 wilson cerdeira

Home anonimo, ti tamén.

30 ANANODEPAIS

MONARQUIA ALTERMUNDISTA E ILUSTRADA XA!

1 Gulag

STALINISMO NORKOREANO XA!!!!!!!!!!!!!! E OS DEMAIS AO GULAG, QUE CARALLO!!!!!! http://www.youtube.com/watch?v=mSLJ...

2 wilson cerdeira

Losurdo di que o gulag non estaba nada mal. Ao final o de sempre, ruido, e con isto non quer decir que deban ir ao gulag. Que vaia Losurdo e tí.

29 tuzaro

"Beiras ía queimar a Fraga en poucos meses" lébrome desta frase. Eu afirmo: Beiras queimou a Martiño Noriega o día que decidiu marchar do BNG (por aclamación). Por certo, Martiño non aplaudíu con moita forza. Menos mal que Aymerich que é máis sensato.

1 Manuel P.

Martiño non aplaudiu con moita forza...Hai que ser tuzaro (como o propio nome di) para vir aquí a escupir mentiras e falsedades, cando todo o mundo sabe que na súa intervención Martiño foi claro e valente. Se xa o tiña en alta estima, agora máis, e como militante de +G non teñades dúbida de que vou defender aos compañeiros do EI perante os caciques nacionalistas da UPG. Eu teño claro a onde vou e onde estou, e despois de loitar durante 16 anos por Galiza non vai haber ningún upeGALLO que poida mercar nin secuestrar a miña vontade. Ides mal, ao final quedaredes máis sós...

2 Riazor 1982

Conforme con que o queimou de portas adentro do BNG (ía ser un futuro presidenciable e agora cando volva será máis dificil). O que teño medo é que o queime tamen fora do BNG polas paiasadas presentes.

3 mansdodemo

Quen arrinca os comentarios que non interesan?.....Tedes algunha máquina que mida a forza dos aplausos?

4 balcaide_Calo

Eu vin a reportaxe do EI en V televisión. Despois da intervención de Beiras acolléndose ao sufraxio universal vía aclamación saía unha imaxe de Martiño con cara de circunstancias e case non apludía. Algo así como imaxinándose o lío no que o metera Beiras. Martiño quitate o sombreiro e para o BNG ou para o PSOE, non perdas o tempo!

5 mansdodemo

Deberas graduar ben a vista balcaide-Calo.

6 Riazor 1982

Home pró PSOE non, que Martiño é noso, inda que agora esteamos todos enfadados os uns cos outros.

28 Manolo2

Desde luego que el paisano es bien pintoresco.

27 xouba

dádesvos conta que negando a potencialidade dun novo proxecto nacionalsita estades negando en realidade que exista unha vontade nacional da poboación galega?? Tentar atraer á sociedade galega, alén da que actualmente nacionalista, non é construir conciencia nacionale por tanto paísm,nación? Ou é que só vos/nos imos conformar con ser os 4 de sempre namentras o páis segue a ser detuarpado e colonizado?? POr que tanto medo a que nos dirixamos ao país? deberíamos dirixirnos á poboación da cara oculta da lúa??? O nacionalismo galego e a sociedade xa ten un nova ferramenta na que construir o benestar social e a liberación nacional. Avante

1 Decátome

Non entendo... Pero este señor hai 15 días non se presentou por enésima vez para dirixir o BNG? Só vale con el de líder non?

2 Brais

Presentouse para tratar de reformar un proxecto ao que pertencía pero que xa non sentía como propio. Non foi posível porque a maioría dos seus compañeiros non o quixeron e entón marchou para defender as mesmas ideas onde sexa posivel. É así de claro e fácil de entender. Un está nunha forza cando comparte o proxecto, e cando non vaise.

3 xouba

ademais, se o asunto non é BEiras ou non Beiras, estades tan obsesionados con el que non quixéchdes ver alén dos vosos fuciños... Veña, a construir país, cada un coa súa proposta e todos tan amigos. Saúde e Terra.

4 rexouba

si xouba, pareceme ben o novo proxecto nacionalista, pero de momento a quen se dirixeu é ós e ás militantes do BNG a ver se seguian pescando algo, por certo, utilizando os censos do BNG de xeito pouco ético dias despois de dicir que se iban, iso si, informando dende fora da AN do BNG. Xa dende dias anteriores a asemblea de Amio teño a sospeita que o único que se perseguía era xerar mal rollo na mesma para que se foran a maior parte posible de xente do BNG, e cada día que pasa estou mais convencido diso. Se dende o 2009 estan traballando para cambiar as cousas e foron incapaces de aumentar o numero de "irmandiños" por algo será, é coma o pai que vendo desfilar o seu fillo co paso cambiado pensa que os demais son os que fan mal, meu fillo non....

5 mansdodemo

Avante.

6 xouba

rexouba, agora só faltaba que os militantes fosen cautivos ... non? cada quen, apoiará aquilo que considere máis adecuado á súa forma de ver e interpretar a política e a praxe nacionalsita e de esquerda. digo eu...