Parella de conveniencia

A folla de rota está preparada. Caballero e Domínguez pactarán os orzamentos do concello de Vigo para 2012. A supervivencia dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG será a razón principal deste acordo que se asinará cando xa non haxa máis marxe para a diletancia.

Por Manuel Bragado | Vigo | 20/02/2012

Comparte esta noticia

O alcalde socialista aceptará incluír tres dos compromisos do BNG co seu electorado: reposición da figura dos coidadores de barrio do Casco Vello, apoio financeiro á Federación de Asociacións de Vigo e continuidade da xestión veciñal do Centro Cívico de Teis. En lexítima correspondencia, Caballero poderá continuar coa política coa que pretende conquistar unha futura maioría absoluta baseada na reposición de beirarrúas de granito, no envío de escolares de Secundaria a Inglaterra para mellorar o seu inglés vacilante e no liderado dos alcaldes socialistas españoles. Magoadamente, é moi probable que iso abondará para acadar un acordo orzamentario entre as dúas forzas de esquerda nunha cidade industrial e portuaria que se desangra cun 24% de desemprego e na que nos últimos meses se desmonta de forma salvaxe toda a súa infraestrutura cultural pública.

Pecharase en falso outro capítulo máis dunha relación política sempre moi conflitiva entre as organizacións viguesas do PSOE e do BNG, iniciada hai vinte anos, cando formaron, a instancias do PSG-EG, o primeiro goberno de coalición (1991) presidido polo socialista Carlos G. Príncipe e consolidada despois (1999) polo do nacionalista Lois Pérez Castrillo. Moitos anos de goberno conxunto que non abondaron para consolidar unha cultura relacional de confianza entre as dúas agrupacións cabezaleiras da esquerda viguesa que ademais mantiveron un perfil moi baixo de participación, liderado e escasa influencia no devir da política das súas organizacións máis alá da ponte de Rande. Outra mostra máis dese difícil carácter de Vigo como cidade-estado, unha moi grave doenza localista non atruíble só a aquel mítico Leri, un fracaso que ven afectando ao longo do período autonómico a case todas as organizacións políticas viguesas, mesmo, aínda que semelle estraño, a do BNG.

Un fracaso ao que non foi allea esa crise interminable do PSOE vigués, na que diversos grupos loitan a cara de can polo control da agrupación socialista local. Unha batalla na que nunca se confrontaron modelos ideolóxicos ou programáticos senón apenas unha sucesión de liderados caudillistas (Soto, Príncipe e Caballero) incapaces tanto de artellar un proxecto municipalista solvente como unha posición viguesa na construción do proxecto nacional galego do seu propio partido. Un fracaso rotundo que chega ao seu clímax actual nesa loita ridícula entre o acentuado xacobinismo de Abel Caballero, a quen a política galega non lle parece de «primeira división», e o revanchismo cainita de Carlos Príncipe que apupa todo o mellor que pode a chegada da dereita ao edificio principal do Campo de Granada. Un auténtico disparate de ambas as dúas poisicións.
 
A situación da agrupación local do BNG non está tampouco para botar moitos foguetes. Controlada sempre pola maioría natural da UPG, reforzada convenientemente nas situacións máis críticas, e na actualidade obsesionada por manter unha liña diferenciada cos socialistas, ao BNG de Vigo semella abondarlle conservar posicións para así manter a súa estrutura e o apoio do seu primeiro entorno, un reducido núcleo veciñal e sindical. O seu baixo nivel de afiliación, a súa presenza e influencia cada vez máis escasa en sectores empresariais e culturais da sociedade viguesa, como a súa nunca ben explicada estratexia de non corresponsabilizarse no actual goberno municipal son ameazas que poden facer retroceder ao BNG a aquela situación de marxinalidade electoral vivida en Vigo nos anos oitenta.
 
A pesar de que non comparten programa nin a mesma visión estratéxica para sacar a cidade da crise, o PSOE e BNG vigueses aprobarán o orzamanento municipal de 2012. No entanto, son unha parella de conveniencia con escaso futuro, xa que no seu longo período de convivencia non foron capaces de establecer lazos de certo agarimo ou de admiración mutua. Poden rachar en calquera momento imprevisto. Figueroa, o veterano e paciente líder do PP vigués, sábeo e agarda a súa oportunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA