A Xunta abre expediente sancionador a Sargadelos por unhas obras de pintado sen autorización

Os titulares alegaron que foron as "deterioracións sufridas na fachada do edificio" o que "motivou a prema" da intervención.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, abriu un expediente sancionador aos titulares do complexo industrial de Sargadelos en Cervo, declarado Ben de Interese Cultural, por levar a cabo uns traballos de pintura no edificio sen a preautorización pertinente de Patrimonio.

Así o dixo este xoves a directora xeral, Carmen Martínez Ínsua, que compareceu na Comisión de Cultura do Parlamento para responder a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Olalla Rodil sobre esta intervención. Na súa resposta, Martínez Ínsua lembrou que o complexo de Sargadelos é BIC desde 2014 e, por tanto, os seus propietarios están obrigados a solicitar con antelación a calquera intervención a autorización de Patrimonio.

O pasado 24 de maio, a Xunta tivo coñecemento de que se estaban levando a cabo actuacións de pintura no edificio circular de Sargadelos, en Cervo, sen a autorización de Patrimonio. Así, iniciouse "automaticamente" un expediente de dilixencias previas e notificouse aos propietarios para que "paralizasen" a obra e procedesen á "reposición da legalidade", extremos que foron confirmados polo concello.

Sobre esta intervención, Patrimonio recibiu un primeiro "documento xustificativo" que os técnicos "entenderon que era insuficiente", polo que reclamaron máis información. O 6 de xuño, o titular presentou no rexistro da Xunta unha memoria completa para "legalizar as actuacións de pintura executadas e solicitar autorización para o resto". Segundo esta, foron as "deterioracións sufridas na fachada do edificio" o que "motivou a prema" da intervención.

Os expedientes relativos a este caso, explicou Martínez Ínsua, atópanse " en tramitación" e serán os que determinen "se a actuación é autorizable ou non autorizable". No entanto, a directora xeral explicou que "simplemente o feito de non solicitar autorización" para esta intervención "é unha infracción administrativa", polo que "ese expediente sancionador terá a sanción correspondente conforme establezan os parámetros tras o ditame do consello territorial".

O colectivo Mariña Patrimonio reclama a paralización das obras na fábrica de Sargadelos, declarada BIC. MARIÑA PATRIMONIO
O colectivo Mariña Patrimonio reclama a paralización das obras na fábrica de Sargadelos, declarada BIC. MARIÑA PATRIMONIO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta