A Xunta recada un 16% mais en impostos 2018 en relación co ano anterior

Baixa o percibido por tributos ambientais, mentres destaca o aforro de case 100 millóns para as familias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2019 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

A recadación da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) en 2018 foi de 637,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 15,9% respecto da cifra de 2017. Así figura na memoria da Atriga de 2018, na que se explica que as "razóns principais" deste incremento son o aumento das transmisións patrimoniais "onerosas", así como por "a recuperación" do mercado inmobiliario.

De tal forma, no imposto sobre sucesións e doazóns obtivéronse 199,4 millóns, o que supón un aumento do 55,9% fronte a 2017 (entón foron 127,9 millóns). Esta variación vén polas sucesións, ao elevarse de 117,9 millóns a 189,6 millóns. A cifra por doazóns, de 9,8 millóns, é moi similar ao ano anterior.

No imposto de transmisións patrimoniais inter vivos a recadación situouse en 190,1 millóns en 2018, o que se traduce nun aumento do 6,4% respecto ao ano anterior (178,7 millóns). Por actos xurídicos, ten unha alza do 5,9% e chega aos 77,4 millóns. No tocante ao imposto sobre o patrimonio, hai un avance do 1,8% e alcánzanse os 79,2 millóns. Así mesmo, a taxa fiscal sobre o xogo mantívose en máis de 53 millóns.

BAIXADAS

No outro extremo, o imposto sobre a contaminación atmosférica sufriu unha baixada en 2018 do 14,6% e quedou en 3,5 millóns (foron 4,1 millóns en 2017). O imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos da auga embalsada tamén retrocedeu un 3,4% en 2018 ata os 11,4 millóns de euros.

A recadación do canon eólico diminuíu un 1%, con 22,6 millóns. En 2018 empezouse a recadar polo imposto compensantorio ambiental mineiro, pero tan só foi de 0,05 millóns de euros.

CASE 100 MILLÓNS MÁIS PARA AS FAMILIAS

Pola súa banda, a Consellería de Facenda destacou nun comunicado este venres que a baixada de impostos da Xunta supuxo un aforro de 99 millóns para as familias, que "son recursos que quedaron en mans dos fogares galegos co obxectivo de reactivar o consumo interno".

Así, esta cifra débese ás baixadas nos impostos de sucesións e doazóns, así como de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Nos datos definitivos da memoria, recóllese que as medidas de control da débeda non declarada fan que a súa afloración aumente un 25% ata os 180,1 millóns de euros.

MARCA DE AUTOLIQUIDACIÓNS ELECTRÓNICAS

Neste informe tamén se recolle que a confección de autoliquidacións de impostos por vía electrónica aumentou ata unha cifra marca en 2018, do 81% do total (o ano anterior foi o 69,9%).

En 2018, a Atriga efectuou 315.000 comprobacións de autoliquidacións de impostos, tanto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, como do imposto de sucesións e doazóns, os tributos que concentran maior parte dos ingresos xestionados pola Xunta.

A directora da Atriga, María Vitoria González. XUNTA - Arquivo
A directora da Atriga, María Vitoria González. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta